APROXIMACIÓN ÁS ORIXES DO CRISTIANISMO NA CIDADE DE MONDOÑEDO. O CRISMÓN DE MONDOÑEDO.
Resumo: Na presente entrada darase conta dos detalles do achado do Crismón
de Mondoñedo e do contexto arqueolóxico no que ten aparecido. Con iso tentarase
dar unha aproximación ás orixes do cristianismo na Cidade de Mondoñedo e, por
extensión, ás orixes do cristianismo na diocese Mondoñedo – Ferrol.
Crismón gravado baixo o fondo dunha cerámica local. |
A intervención arqueolóxica.
No ano 2017, contando co financiamento da Dirección Xeral do Patrimonio
Cultural, o Concello de Mondoñedo fai unha intervención na zona de Os Castros,
dentro da área urbana de Mondoñedo co fin de valorar un amplo espazo de
terreos, incluídos dentro do Casco Histórico, que están catalogados como un
xacemento arqueolóxico de tipoloxía castrexa, pero que, en superficie, non
presenta as características definitorias deste tipo de xacementos.
A intervención arqueolóxica consistiu na realización dunha escavación en
gabias e sondaxes en cadrados por todo o espazo coñecido como Os Castros.
Dentro destas intervencións fóronse dando diferentes resultados segundo a zona,
incluíndo espazos totalmente baldeiros de restos.
Para o caso que nos ocupa, analizaremos a intervención nunha gabia na que,
entre outros restos, apareceu unha cerámica de tradición local cun Crismón
gravado no fondo exterior da mesma.
A sondaxe.
Dentro da nomenclatura empregada na intervención arqueolóxica, a sondaxe
que estamos a presentar levou a denominación de Z-06. (ver sección a seguir)
Nesta, tras retirar as capas superficiais de remexido derivada de usos
agrícolas da zona, chegouse a unha profundidade media de 1m no que se comeza a
detectar un substrato distinto que non se correspondería cos usos agrícolas dos
anteriores.
Tras eliminar este documéntase unha estrutura (restos dunha parede) e un
burato escavado na rocha natural do terreo. A profundidade neste momento
estaría arredor do 1,5m.
Asociado a este muro documéntanse unha serie de capas correspondentes a
restos do derrubo da parede, restos de tellado e restos da ocupación do lugar.
Contexto cultura material
Todas estas capas identificadas, responden a un único momento de ocupación
e que non parece que tivera sufrido alteracións unha vez que conformou o
depósito. Isto é, unha vez que a casa/cabana caeu e tapou o que podería ter
quedado no piso, non se alteraron estes restos que quedaron debaixo.
En canto aos restos materiais, hai que indicar que neste espazo se atoparon restos cerámicos, líticos e metálicos, sendo os
primeiros, os de cerámica, os máis abondosos con diferencia sobre o resto das pezas.
Entre os cerámicos hai material de produción local e outros máis propios do
mundo romano que poderían ter sido fabricados nos talleres de Lucus Augusti
dado que son formas e modelos propios deses contextos.
Cerámica de tracidión romana. Achado en escavación (esquerda) e peza reconstruída (dereita). |
Con todo, o predominante nesta área é o material dos fins do mundo romano. Así,
documentáronse de xeito claro, un prato vermello de tradición romana e diversas
cerámicas de pastas moi elaboradas vencelladas, polo que parece, á época baixoimperial ou xa aos comezos do medieval.
E, dentro deste contexto, o fondo completo dunha peza cerámica, de produción local, que presenta
un Crismón gravado no fondo da mesma.
Descrición da peza.
A peza que nos ocupa é un fondo de cerámica de produción local que ten ademais parte das paredes da mesma, pero que non permite saber como sería a vasilla
completa só co anaco que temos.
As pastas son agrisadas e os desgrasantes están na liña das producións locais documentadas en Mondoñedo durante todo o período castrexo e romano.
Esta peza presenta un diámetro de 8,5cm e unha serie de gravacións no
exterior da mesma que son as que lle dan a gran importancia que posúe pois nela
pode verse un símbolo cristián, un Crismón.
Un Crismón é a representación do nome de Cristo en grego: “Χριστός” coas letras “X” e “P” que serían, trasladándoo ao noso idimoa, a “C” e a “R”.
Crimón (esquerda) e Crismón remarcado en liñas negras para unha mellor visión (dereita). |
Estamos ante unha peza que presenta varias liñas marcadas cun elemento punzante sobre a peza xa cocida. É de supoñer que o obxecto gravador sería un elemento metálico e non moi axeitado para este tipo de debuxos xa que se ve como as liñas teñen oscilacións e incluso hai unha que claramente foi equívoca.
O símbolo "X" vese de forma nítida, así como o símbolo "P" que tería asociada unha liña horizontal ao medio da letra. Obsérvase tamén que o lugar de encontro entre a "P" e a "X" non é limpo e central senón que a "X" está un pouco desprazada á dereita, co que reafirma a idea de gravación "a man alzada" por así dicilo.
Conclusión.
Este tipo de representacións son propias dos primeiros séculos do cristianismo e os restos materiais asociados a esta peza atopada en Mondoñedo, como xa vimos, lévannos aos fins do século V ou comezos do século VI co que datar o Crismón neste momento, supón estar a falar do mundo paleocristián.
Esta é unha referencia real e palpable das orixes do cristianismo na zona e supoñen a constatación da existencia de comunidades cristiáns en Mondoñedo dende un momento moi antigo da nosa historia.
Esta proposta cronolóxica implica que estamos nun momento a cabalo entre o fin da romanidade e os comezos do mundo medieval. Nun contexto probablemente Suevo.
En defintiva, este feito supón que esteamos ante o obxecto critián máis antigo de Mondoñedo e dos máis antigos da diocese Mondoñedo - Ferrol.
Comentarios
Publicar un comentario