RESTOS ARQUEOLÓXICOS ATOPADOS NA PRAZA DO SEMINARIO DE MONDOÑEDO (MONDOÑEDO, LUGO)

Durante as obras de remodelación da actual Praza do Seminario de Mondoñedo e da rúa da Fonte, levadas a cabo no ano 2011, descubríronse dous elementos arqueolóxicos a destacar: restos da muralla medieval de 1320 e restos das peixerías que formaban parte do mercado de abastos da cidade e que se poderían datar ao menos do século XIX.

Restos muralla medieval en Praza do Seminario

No ano 1320, Bispo, Cabido e Concello acordan construír unha muralla que rodee a cidade. Esta, cun perímetro aproximado de 850m. logo é superada en moitas zonas pola expansión da trama urbana e vai desaparecendo en gran parte do seu trazado, mais aínda hai zonas nas que se manteñen restos da mesma e, dado que foi un elemento de entidade, pode presentar restos soterrados non localizados ata o momento actual.

Sábese, pola documentación histórica custodiada no arquivo histórico do Concello de Mondoñedo e nos arquivos eclesiásticos da cidade episcopal, o trazado que levaba e en diversos estudos medievais sobre Mondoñedo e sobre o urbanismo medieval galego podemos atopar resumos desta documentación que aportan unha visión bastante completo da mesma.

Así, sábese que unha das zonas pola que transcorría esta cerca medieval de Mondoñedo era pola actual praza do Seminario, co que, durante as obras de reforma desta área urbana, levouse a cabo un control arqueolóxico ante a posibilidade de que puideran aparecer restos da mesma ou doutros elementos relacionados co pasado da cidade.

Con esta premisa hai que citar dous puntos relacionados coa muralla, unha na metade sur da praza e outra no comezo, na confluencia con Rúa da Fonte, facendo esquina.

O outro elemento do que falaremos son as peixerías que se localizarían un pouco máis ao norte dentro desta praza e que terían unha cronoloxía estimada do século XIX.

Esquema de Praza do Seminario con restos localizados.

Na cabeceira da praza (semicírculo vermello no esquema anterior) apareceron os restos dun torreón que, no momento da construción do Real Seminario Conciliar Santa Catalina, despois do seu traslado dende a zona intra-muros, daba nome a unhas hortas baldías propiedades do bispo de Mondoñedo, as "Hortas do Torrillón".

Estes restos de torre, vencellados á muralla medieval de 1320, perderan xa no século XIX  a súa función defensiva estricta, e estaba sendo aproveitado como pombeiro do bispo.

Restos do torreón

No interior da praza (triangulo verde) localizouse un tramo de muralla consistente nos alicerces da mesma cun longo de 7,90m que discorre separándose do actual muro de peche do Pazo Episcopal e que, na súa parte final chega a unha anchura máxima de 2,67m.

Estes restos de muralla marcan unha liña de lenzo exterior que se iría abrindo cara ao actual centro da praza marcando un trazado en diagonal que acabaría enlazando cos restos de muralla existentes en Rúa da Ponte.

Alineación do lenzo exterior dos restos de muralla. Foto durante os traballos de remodelación da praza en 2011.

Os lugares exactos polos que pasaría no norte da praza perdéronse, así como os restos da porta que estaría localizada sobre a actual rúa Pascual Veiga, dado que as peixerías que estarían na parte norte da praza (rectángulo azul claro en esquema superior) alteraron ese espazo de xeito notable, unido, dende logo, á ampliación que sufriu a rúa Pascual Veiga a mediados do século XIX.


Na parte norte da praza teriamos os restos das peixerías enlazadas con algún resto de muralla xa desaparecida.

Neste caso localízase un muro que discorre transversal á praza cun pavimento de chapacuña asociado. Así mesmo documéntanse restos de dous muros que discorren lonxitudinalmente e non se poden asociar a nada máis.

O muro transversal sae de debaixo da actual liña de cerre do palacio episcopal cun grosor de 1,67m. engrosándose ata chegar aos 2,10m. para logo continuar só unha metade do mesmo.

Este muro presenta dúas fases construtivas en vertical: unha con morteiro de terra e outra con morteiro de cal máis recente. Esta última podería pertencer ao alicerce do edificio que se sitúa entro do espazo do Pazo Episcopal (azul escuro no esquema previo).

A parte do morteiro de terra, no seu lenzo sur xira cara aos muros antes descritos da muralla medieval. A esta parte non se lle documenta o outro lenzo de forma clara.

A parte norte do muro presenta unha continuidade, de menor tamaño e paramento distinto, que cerra o pavimento ata desaparecer este polo deterioro causado por canalizacións lonxitudinis antigas.

Trabado con este documéntase unha parede lonxitudinal que discorre entre o muro antes indicado e outro que cerraría o pavimento de chapacuña polo norte semellante ao anteiror. (0.90m en ambos casos).

Ao oeste do muro lonxitudinal documéntase un pequeno anaco de chapacuña.

Restos das peixerías. Muros perimetrais e chapacuña dos pavimentos da zona.

Todos estes restos do pasado de Mondoñedo poden verse sinalizados a día de hoxe na cidade. Os restos do Torrillón, así como os restos e trazado da muralla están marcados no chan cun pavimento de adoquín que contrasta co pavimento de pedra de granito do resto da praza. Contan ademais cun panel explicativo que aclara os detalles do mesmo.

No tocante ás peixerías non teñen unha marca especial no pavimento, pero si que contan tamén cun panel explicativo que permite entender esta zona histórica da cidade de Mondoñedo.


Referencias documentais:

Acordo de construción da murall medieval de 1320

Arquivo Catedralicio de Mondoñedo. Escrituras antigas. Armario 3º n.º 8/1. Tomo I. Folio 42

Sobre a expropiación dos terreos da actual rúa Pascual Veiga nas que aparecen citadas as peixerías: 

Arquivo Catedralicio de Mondoñedo: Correspondencia entre Bispado, Cabido e Concello pola expropiación de terreos na rúa Templarios (actual Pascual Veiga), Armario 7º, Estante 3º Legaxo 8º, Número 11.

Arquivo Catedralicio de Mondoñedo: Libro de Actas Capitulares, n.º29, anos 1850 -1859, p.23 “Sacristía de la mañana 6 de agosto de 1854”


Revisado_2020-10-22


 


Comentarios

Entradas populares de este blog

LA CASA SANTOMÉ DE MONDOÑEDO

APUNTES DE LA FAMILIA DE D. JOSÉ VILLAAMIL Y CASTRO EN MONDOÑEDO

LOS VEIGA VALENZANO Y ALGUNOS FAMILIARES