153 ANOS DA PRIMEIRA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓNS ARQUEOLÓXICAS NO CASTRO DE ZOÑÁN

 

Resumo: Achegamento ás primeiras escavacións levas a cabo no Castro de Zoñán no ano 1867, que son tamén as primeiras escavacións científicas levadas a cabo nun castro en Galicia. Levadas a cabo por parte de Villaamil y Castro, trátase de facer unha aproximación ao reflexo destes traballos nas escavacións arqueolóxicas do ano 2002.

 


 

Introdución.

José Villaamil y Castro, de pai mindoniense, pasou gran parte da súa vida en Mondoñedo e nesta cidade e na súa contorna realizou abondosas investigacións no eido histórico e arqueolóxico a cabalo entre o século XIX e o XX.

Fixo escavacións arqueolóxicas, adicouse ao coleccionismo de pezas en versión anticuario, etc. todo un erudito do século XIX.

Entre outras áreas, foi pioneiro tamén en traballos de investigación arqueolóxica levando a cabo escavacións con metodoloxía científica da época en castros e covas. Neste caso que nos ocupa imos referirnos ao Castro de Zoñán.

 

Primeiras escavacións no Castro de Zoñán.

Villaamil en Armas, Utensilios y Adornos de Bronce… (Villamil, 1875) fai una descrición de diversos obxectos de bronce atopados en Galicia, sobre todo na zona norte que era por onde el máis se movía.

Neste estudo chega a un punto no que fala dun puñal en Zoñán e, ao fío da súa explicación, engade unha nota ao pé no que de xeito indirecto achéganos unha data das súas escavacións no Castro de Zoñán (Villaamil, 1875, p.65 nota ao pé n.º2) esa nota di literalmente:

“(2) La recogí de uno de los peones empleados en las excavaciones que emprendí en esa Croa en Septiembre de 1867, de cuyas excavaciones se dio extensa noticia en la Revista de Bellas Artes, Tomo II p. 209 y Tomo III p. 60 y en la francesa muchas veces citada.”

Con isto temos a confirmación do aniversario. Neste setembro de 2020 fai xa 153 anos que se levaron a cabo as primeiras escavacións arqueolóxicas en Zoñán.

E non só iso, senón que o feito de ter sido no ano 1867 supón que foi o primeiro castro no que se fixeron escavacións arqueolóxicas con metodoloxía científica en Galicia como asegura López García no seu traballo sobre a figura de Villaamil y Castro (López García, 2003).

 

As pegadas das escavcións do Castro de Zoñán do século XIX vistas dende o século XXI.

A intervención do ano 1867 deu, como o mesmo Villaamil indica, moitas e variadas publicacións sobre o particular. Non é o caso de facer unha listaxe das mesmas, pero si citar outra máis na que nos dará o plano dos resultados da súa escavación. Estamos a falar do artigo “Los Castros y las Mámoas de Galicia” publicado no Museo Español de Antigüedades (Villaamil, 1876). Neste debuxa dúas estruturas, unha de planta cadrada e outra de planta curvada con outro muro recto asociado, tal como se ve na imaxe seguinte que acompaña.

 

Planos publicados por Villaamil das escavacións de Zoñán no ano 1867 (Villaamil, 1876)

Esta intervención deixou pegada pois durante moito tempo ese muro “curvado”, que acabamos de citar, estivo á vista da xente. 

Ademais diso hai que citar que tiña un burato na súa base, burato que é de supoñer que se fixo tras os traballos de Villaamil do século XIX. Probablemente este fora executado por xentes influídas polas lendas de tesouros que se asocian a castros, mámoas e outros elementos arqueolóxicos desta índole en Galicia.

Con estes antecedentes chegouse a intervención do ano 2002(1) no que se comezou por escavar a zona entorno a ese muro que seguía á vista e así apareceron os restos dos traballos do século XIX. Tamén con iso se puideron explicar os deseños planimétricos que Villaamil deixou sobre o lugar e incluso parte dos achados que cita.

 

Comparativa entre os planos de Villamil e as escavacións do ano 2002, poñendo en relación as dúas imaxes.


Nesta primeira imaxe, como se pode ver, os esquemas feitos por Villamil coinciden coas estruturas identificadas nesa zona.

Unido a isto atopáronse inversións estratigráficas en amoreamentos de terra arredor desta área, nos primeiros días das escavacións do ano 2002, que nos indican que se escavou no lugar ou, ao menos, que se remexeu terra.

Nelas documentáronse restos de cerámicas de diversa índole que foron deixadas no lugar de xeito intencionado. Parecen ser restos dos traballos de Villaamil, pois el, seguindo a metodoloxía científica do momento, seleccionaba os restos que consideraba de interese para recollelos.

Con todo non temos a certeza de que foran restos da intervención de Villaamil, dado que consideramos que despois del, como se indicou arriba, outras persoas remexeron no lugar, e esa xente buscaba “tesouros” identificables con restos metálicos, co que as cerámicas non son elementos desexables e quedarían no lugar.

 

Vivenda n.º1.

No transcurso das escavacións, a estrutura cadrada identificouse como "vivenda n.º1" por ser a primeira que se definiu na totalidade do seu perímetro.

Esta, como pode verse a seguir, correspondería coa cabana cadrada que publica Villaamil.

Cabana localizada no ano 2002 en Zoñán e identificación da mesma cos planos de Villamil


No relativo a esta cabana temos que indicar que o esquema de Villamil coincide moi ben coa realidade atopada durante os traballos do ano 2002, pero tamén podemos ver outros elementos.

En primeiro lugar, hai que indicar que nos traballos do 1867 non se chegou ao piso de uso da vivenda en toda a súa superficie. De feito a liña vermella da imaxe previa divide a cabana en dúas partes por esa razón.

A da dereita (a que ten a frecha verde), unha vez retirada unha pouca capa de terra vexetal, xa presenta o piso da cabana. A zona de uso da mesma, e iso podería explicar o círculo que debuxa Villaamil na parte inferior dereita do seu plano da parte superior. Posiblemente estea a marcar un muíño circular atopado nesa zona.

Pola contra, a parte marcada coa frecha amarela, presentaba aínda restos dos derrubos das paredes da cabana e debaixo destes aparecerían tamén os restos do tellado.

Tras a retirada destas unidades estratigráficas atopáronse restos da cultura material sobre o piso de ocupación, como é habitual.

Por último indicar que o semi-óvalo branco, que Villaamil debuxa no exterior da cabana cadrada, na parte superior esquerda da imaxe, corresponde co que na actulaidade é a entrada a esta vivenda. Non podemos precisar si Villaamil conseguiu identificar o acceso pois o derrubo sobre a zona da entrada seguía cubrindo a soleira cando se escavou esta parte no ano 2002.


Vivenda n.º2.

A outra estrutura identificada por Villamil, forma parte dun conxunto máis complexo que se denominou, na súa totalidade Vivenda n.º2.

Esta estrutura que se marca nos planos dos traballos de 1867, sería aproximadamente un terzo do total do que é a "Vivenda n.º2"

Estrutura identificada por Villamil en 1867 (arriba) e restos das escavacións na zona no ano 2003 (abaixo)

No ano 2002, identificouse esta parte dos traballos de Villamil, pero non foi ata o ano seguinte cando se puido entender e aclarar esta área pola complexidade estratigráfica que amosaba.

Na primeira toma de contacto observouse que a escavación, ao igual que no caso anterior, non fora ata o final, ata a zona de ocupación. Tamén se puido ver que abondosos restos cerámicos que procedían desta zona estaban mesturados coas capas superficiais de terra vexetal. Tratábase de fragmentos de pequena entidade e de diversas tipoloxías que responden a producións locais e producións romanas propias deste momento.

O avance da investigación nesta zona documentou un primeiro pavimento que contaba cunha lareira asociada á que non parece que chegara Villaamil (puntos verdes na imaxe previa) e, debaixo deste, un segundo pavimento con outra lareira (puntos brancos) á que con toda seguridade non se chegou nas escavacións do ano 1867.

E non so iso, senón que asociada a esta estrutura, hai outras pola parte posterior da mesma que dan lugar a un conxunto rectangular moito máis amplo e no que tamén hai unha lareira.

O conxunto completo con esta lareira respondería ao último momento de uso do castro. As dúas lareiras citadas con anterioridade, perce que serían momentos anteriores de uso.

Incluso é máis, o muro "semicircular" que debuxa Villamil e que se documenta de novo no século XXI, foi unha cabana independente, probablemente con dous momentos de uso, e con forma ovalada. Aproveitouse parte do muro desta cabana para configurar o que hoxe coñecemos como "Vivenda n.º2".

  

O Conxunto.

As dúas estruturas, xunto con todo o que lle faltaría á Vivenda n.º 2 como se indicou, e engadindo outras estruturas a esas, conformarían un “barrio” en si mesmo.

Son un conxunto "familiar" arredor dun espazo central que poderiamos equiparar a unha "eira" do rural galego da actualidade.

Villamil identificou o asentamento, estudouno, deuno a coñecer e púxonos en antecedentes sobre o Castro de Zoñán, pero será entre os anos 2002 e 2003 cando se completen os traballos por el iniciados e se consiga darlle forma a un conxunto de cabanas que conforman unha unidade dentro deste xacemento mindoniense.

 

Conclusións.

Con este artigo preténdese dar o coñecer os traballos desta primera intervención nun castro en Galicia con metodoloxía científica dun xeito detallado e podendo contrastar os datos de campo do século XIX con datos de campo do século XXI.

Con isto podemos ver que a metodoloxía era científica nos parámetros do momento co que estamos ante un gran avance na investigación histórica e na investigación arqueolóxica.

Son os comezos do estudo da prehistoria dende un punto de vista científico baseado en evidencias arqueolóxicas para unha fase do noso pasado no que, polo xeral, non hai restos escritos.

E o que hai que deixar claro é que esta breve reseña non é unha crítica ao traballo de Villamil, senón unha presentación de resultados do seu traballo, complementados pola investigación do século XXI que rematou o traballo comezado por el no XIX na área en cuestión.

Busca ser unha homenaxe a un dos grandes da arqueoloxía galega. Villamil foi un pioneiro neste eido e os seus traballos aínda hoxe seguen aportando datos de interese para a conformación da nosa historia.

  

Notas

(1) No ano 2002 o Excmo. Concello de Mondoñedo pon en marcha un proxecto de investigación no Castro de Zoñán para un traballo a longo prazo de escavación, conservación/restauración de restos e sinalización de espazos para a súa posta en valor. Para o arranque da mesma e para as primeiras campañas de investigación, contouse coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, no seu momento era o Departamento de Historia I da Facultade de Xeografía e Historia, dende a que se formou un equipo científico encabezado polo Profesor-Doutor D. Fernando Acuña Castroviejo, a Profesora - Doutora Dna. Raquel Casal García e a Profesora - Doutora Dna. Josefa Rey Castiñeira. A quenes hai que agradecerlles toda a súa colaboración e apoio ao proxecto, así como a transmisión do seu saber e bo facer en arqueoloxía para que este proxecto tivera a calidade científica que se merecía. As campañas arqueolóxicas neste xacemento de Mondoñedo desenroláronse dende o ano 2002 ao ano 2010, ambos inclusive.

 

Referencias bibliográficas

López García, J. C. (2003), “José Villa-Amil y Castro: Pioneiro da Arqueoloxía Prehistórica en Galicia”, Brigantium 14, pp 89-96, revista do Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón, Coruña.

Vigo García, A. (2007), O Castro de Zoñán (Mondoñedo -Lugo-). Escavacións 2002-2004, Mondoñedo.

Villaamil y Castro, J. (1875), Armas, Utensilios y Adornos de Bronce Recogidos en Galicia, Editor José Gil Dorregaray, Imprenta de T. Fortanet. Separata de Museo Español de Antigüedades, Volume 4, (este documento aquí citado foi consultado no fondo bibliográfico da USC)

Villaamil y Castro, J. (1876), “Los Castros y las Mámoas de Galicia”, Museo Español de Antigüedades, VIII, paxs.195-237.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA CASA SANTOMÉ DE MONDOÑEDO

APUNTES DE LA FAMILIA DE D. JOSÉ VILLAAMIL Y CASTRO EN MONDOÑEDO

LOS VEIGA VALENZANO Y ALGUNOS FAMILIARES