CERÁMICAS DE IMPORTACIÓN NO CASTRO DE ZOÑÁN. TERRA SIGILLATA HISPÁNICA (TSH) DAS CAMPAÑAS 2002-2010

Resumo: No presente artigo faise un achegamento aos restos de cerámica de importación recuperados entre as campañas 2002 e 2010, levadas a cabo no Castro de Zoñán (Mondoñedo, Lugo). En concreto faise un estudo das cerámicas tipo Terra Sigillata Hispánica procedentes dos talleres de Tricio que se recuperaron nas neste xacemento mindoniense.

 

TSH 29 - Castro de Zoñán. Mondoñedo

Introdución ao xacemento: O Castro de Zoñán.

O Castro de Zoñán (ver en google maps: https://goo.gl/maps/1ddVi9Xk8GB8MYFy5) sitúase a metade de ladeira, na parte oeste do val de Mondoñedo (Lugo), na parroquia de Os Remedios.

O xacemento comezouse a escavar no século XIX por parte de Villamil y Castro (https://arqueo-mondonedo.blogspot.com/2020/09/153-anos-da-primeira-campana-de.html?m=1) e dende ese momento ata o ano 2002 estivo sen intervencións arqueolóxicas.

Estamos ante un castro que ten unha superficie estimada de arredor de 8Ha, das que se teñen escavadas arredor de 900m2 nos que se documentaron restos estruturais e se recuperaron abondodos restos de cultura material durante as campañas levadas a cabo por parte do Concello de Mondoñedo entre os anos 2002 e 2010.

Por último a cronoloxía xeral que se baralla para este xacemento sería dende os finais do Bronce final ata o século V d. C., considerando estas datas como o arco cronolóxico completo entre os primeiros restos documentados e o final da ocupación deste asentamento.

No relativo aos traballos levados a cabo aquí, as cronoloxías de ocupación estudadas estarían entre o s. II d. C. e o V d. C., tendo algúns elementos de campo atribuíbles ao cambio de era, mais integrados dentro das estruturas posteriores, e tamén restos cerámicos que amosan unha clara tradición prerromana.


Restos materiais recuperados no Castro de Zoñán.

Así, para as cronoloxías galaico-romanas consideradas para este espazo, a cifra de restos recuperados neste xacemento de Mondoñedo supera os 22.000 obxectos entre cerámicas, lítica, metal e outros restos materiais máis escasos como anacos de óso e madeira queimada.

Entre todo eles o tipo de material máis frecuente é a cerámica que supón unha porcentaxe de algo máis do 90% dos restos sobre o conxunto total deles. E, dentro deste gran bloque principal, documéntanse producións cerámicas locais, de proximidade (poñamos que de talleres de Lucus Augusti, por exemplo) e de importación.

No relativo á producións locais vemos que se mantén a continuidade da tradición indíxena documentada para a zona e, con ela, conviven restos de produción de talleres romanos con pezas propias deste mundo que chegan a este xacemento grazas ás vías de comercio activas para esta etapa.

Por último, o outro grupo de material son as pezas importadas, neste caso abordaremos as producións de Terra Sigillata Hispánica (TSH) que chegaron a Zoñán. Cerámicas de mesa, de tradición romana e que están feitas a molde, co que se trata de producións fortemente estandarizadas.

 

Presentación da TSH de Zoñán

A TSH recuperada no Castro de Zoñán procede dos talleres de Tricio (na área do que sería a actual La Rioja) e o volume total de restos son 490 fragmentos, o que supón unha porcentaxe do 2,20% sobre o total de obxectos recuperados neste xacemento durante os anos de intervención.

Deste total conseguíronse identificar claramente 120 fragmentos entre formas lisas TSH 7, TSH 15/17, TSH 27 e TSH 35) e formas decoradas (TSH 29, TSH 29/37, TSH 37 e TSH 40). O resto, 370 pezas, non puideron ser identificadas nin asociadas a estes tipos, máis é de supoñer que, na súa maioría, terían pertencido a estes modelos identificados. Estas pezas indeterminadas son, na súa maioría, anacos lisos, presentando só 12 unidades con decoración.

As pezas recuperadas en Zoñán presentan, de forma xeneralizada, pastas de cor siena e verniz castaño. A conservación tende a ser regular, xa que aínda que hai unha porcentaxe de pezas que poderiamos catalogar como boa ou incluso moi boa, polo xeral son anacos moi rodados e con perda do verniz. En canto aos motivos decorativos hai que indicar que predominan os de círculos, palmetas e motivos verticais. Tamén é preciso destacar os motivos figurativos de animais en dous anacos de TSH 29 –ver primeira imaxe do presente artigo-.

 

Análise xeral dos restos de TSH.

Co estudo de detalle das pezas recuperadas, considerouse que o número mínimo de vasos de TSH ascendería a 33 unidades, derivadas do número de modelos distintos identificados a partir de restos de borde.

Máis aló de aí, o número máximo identificado asecendería a un total de 63 vasos ao sumar aquelas pezas de entidade que debían de ser individualizadas (anacos de paredes e/ou fondos) e que non puideron ser asociadas a bordes.

Vasos identificados a partir de bordes e a partir de paredes/fondos

 

Dada a correlación de formas de TSH e as porcentaxes entre vasos procedentes de bordes con relación a aqueles procedentes de paredes e/ou fondos, o máis probable é que o número mínimo fose o máis aproximado á realidade pois é de supoñer que uns e outros encaixen entre si, máis o volume de material recuperado non permite as reconstrucións pertinentes e as asociacións directas.

Formas lisas de TSH atopadas no Castro de Zoñán

Formas decoradas de TSH atopas no Castro de Zoñán

As formas recuperadas son, polo tanto, pratos (TSH 15/17), cuncos (TSH 27, TSH 29, TSH 29/37, TSH 35, TSH 37 e TSH 40) e tapadeiras (TSH 7). E, dentro deles, predominan as pezas de TSH 37 sobre o resto cunha porcentaxe moi alta como pode verse no gráfico seguinte.

Distribución porcentual de pezas de TSH segundo os tipos.

Esta preeminencia de formas TSH 37, fai que os motivos decorativos predominantes sexan os círculos e os círculos segmentados, combinados, en ocasións, con palmetas. Á súa vez, estes aparecen frecuentemente separados por aras.

Por outro lado hai que indicar tamén que se teñen recuperado varios fragmentos moi pequenos onde se puido constatar a aparición de decoracións de ángulos e, como se dixo, dous fragmentos de TSH 29 que presentan figuración animal e que serían as dúas únicas pezas con este tipo de detalles en todo o que se leva escavado en Zoñán.

A cronoloxía tipolóxica das pezas pode establecerse, xenericamente, entre os séculos II-IV d. C. tamén achegamos cadro de detalle por formas para unha cronoloxía máis aproximada (Fonte: Roca et Al, 1999).

Formas Lisas

TSH 7

30-150 d.C.

TSH 15/17

70-150 d.C.

TSH 27

40-300 d.C.

TSH 35

50-200 d.C.

Formas Decoradas

TSH 29

50-150 d.C.

TSH29/37

 

TSH 37

50-300 d.C.

TSH 40

50-100 d.C.

 

 

 

 

 

 








Por último, indicar sobre a súa distribución vertical, que a cerámica TSH concéntrase, nas unidades estratigráficas que se corresponden, fundamentalmente, co último momento de ocupación do castro, agás 16 fragmentos que estarían na inmediatamente anterior. Xenericamente entre os século II e V d. C., como se propón dende a cronoloxía tipolóxica.

 

Marcas de alfar.

Outros dos elementos característicos deste tipo de cerámicas son as marcas do alfareiro, as marcas do fabricante. En Zoñán conseguíronse ver tres destes selos, mais non foi posible chegar a unha localización do fabricante polas dificultades na súa lectura dada a regular conservación das pezas.

Marcas de alfar en TSH atopada no Castro de Zoñán

Marca n.º1

Inscrición identificada:          O[....]A

Forma:           TSH 37

N.º Vaso:           110

Descrición:     Localizado na parte interior dun fondo cerámico. Inscrición feita con letras de 2mm.

Selo inscrito nun rectángulo de 3,15cm x  0,5cm. Rectángulo situado na parte interior dun círculo de 4,9cm de diámetro.

 

Marca n.º2

Inscrición identificada:          [...]XO[...]D  X

Forma:           TSH 5/17

N.º Vaso:         740

Descrición:     Localizado na parte interior dun fondo cerámico. Inscrición feita con letras de 3mm.

Selo inscrito nun rectángulo de 3,1cm x 0,55cm (na parte dereita) e 0,4cm (na parte esquerda). Rectángulo situado na parte interior dun círculo dobre de 3,3cm de diámetro o interior.

 

Marca n.º3

Inscrición identificada:          OF·ST[...]

Forma:           Indeterminada

N.º Vaso:         208

Descrición:     Localizado na parte interior dun fondo cerámico. Inscrición feita con letras de 2mm.

Selo inscrito nun rectángulo de máis de 2,2cm x 0,5cm.

Detalle de marca de alfar "O F S T [...]" atopada no Castro de Zoñán


Conclusións.

Todos estes restos cerámicos amosan que estamos ante un horizonte romanizado, ao menos nos gustos e nas modas. Este tipo de cerámica é unha produción saída da tradición romana e que se vai difundindo coa conquista. Nace en Italia, pasa á Galia e, dende aí, entrará en Hispania configurándose diversos talleres de produción, localizados na zona norte e na zona sur da península, que abastecerán dende aquí moitos dos mercados do occidente romano nas datas en que estiveron activas as súas producións.

O feito de localizar este tipo de restos neste espazo do noroeste, no Castro de Zoñán, está a falarnos de comercio (as pezas veñen de Tricio) e de circulación monetaria (este tipo de produtos hai que pagalos con cartos, non en especia).

Así mesmo fala, do florecemento da economía local posto que estas son pezas de luxo que substitúen ás pezas locais que farían o mesmo servizo, pero que non son da “categoría” que representan estas. Son pezas que se pagan cos excedentes de produción, coa riqueza acumulada. Hai que ter claro que en todo momento o obxectivo básico dunha sociedade é a supervivencia propia e isto non é de necesidade, é unha peza de luxo que denota un certo status de preeminencia dos que poden acceder a ela. Son restos “raros” dentro dos modelos cerámicos xeneralizados neste xacemento. E dentro deles, o modelo máis raro localizada aquí, sería a forma TSH 40.

TSH 40 atopada no Castro de Zoñán

En definitiva, isto é un reflexo da estratificación social do mundo galaico-romano, na que os estratos superiores da poboación tenden a diferenciarse do resto con produtos de luxo, tal como levan facendo dende fai moito séculos, pero neste momento con produtos da tradición romana.

As elites locais tenderán a asemellarse ás elites romanas e, iso vai contribuír a afianzar a fidelidade ao emperador, a Roma e á consolidación do imperio no noroeste, dado que tras desta elite local gobernante, irá o resto do pobo. Este proceso de asimilación, aceptación do mundo romano e integración é algo que comeza tras a conquista, pero que se ve claramente a partir do século II coa proliferación deste tipo de pezas, entre outros indicadores, do que o máis significativo será a lingua latina que adoptará toda a poboación.

 

Referencias bibliográficas.

Caamaño Gesto, J. M. (1979), “Marcas de alfarero en cerámica romana, encontradas en Galicia” Gallaecia n.º 5, paxs. 63-99, Departamento de Historia I, USC.

Caamaño Gesto, J. M e López Rodríguez, J. R. (1980), “Sigillatas del Castro de Viladonga (Lugo) I”, Gallaecia n.º 7/8, paxs. 158-177, Departamento de Historia I, USC, Santiago de Compostela.

Caamaño Gesto, J. M. e López Pérez, Mª C. (2006), “Adendas al Corpus de marcas de alfarero en Terra Sigillata localizadas en Galicia”, Gallaecia, n.º25, paxs. 83-129, Dep. de Historia I, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela.

Carreño Gascón, C. (1997), Marcas de alfarero sobre terra sigilata halladas en Lucus Augusti, Anejos de Larouco, 3, Ediciós do Castro, Coruña.

Garabito Gómez, T. (1978), Los Alfares Romanos Riojanos. Producción y Comercialización, Bibliotheca Praehistórica Hispana, Vol XVI, na “Segunda Parte. Centro de Producción de Tricio”.

López Pérez, M. C. (2005), El comercio de Terra Sigillata en la provincia de A Coruña, en Brigantium 16, revista do Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón, Coruña.

Roca Roumens, M. & Fernández García, M.ª I. (Coords) (1999), Terra Sigillata Hispánica. Centros de Fabricación y producción altoimperiales, Universidad de Jaén / Universidad de Málaga, Málaga.

Vigo García, A. (2007), O Castro de Zoñán. Campañas 2002-2004, Mondoñedo


Comentarios

Entradas populares de este blog

APUNTES DE LA FAMILIA DE D. JOSÉ VILLAAMIL Y CASTRO EN MONDOÑEDO

LA CASA SANTOMÉ DE MONDOÑEDO

RESTOS ARQUEOLÓXICOS ATOPADOS NA PRAZA DO SEMINARIO DE MONDOÑEDO (MONDOÑEDO, LUGO)