TRAÍDA DE AUGA DO SÉCULO XVIII EN RÚA DA FONTE E RÚA RIGUEIRA

Resumo: No presente artigo amósanse os restos arqueolóxicos dunha canalización de auga potable dos anos sesenta do século XVIII, localizada na Rúa da Fonte e Rúa Rigueira (Centro Histórico de Mondoñedo), e que abasteceu ao Pazo Episcopal.


Cano para auga potable. Século XVIII. Rúa da Fonte - Mondoñedo

Contextualización histórica. Inundacións de fins do século XVIII e obras de canalización do río de Sisto.

O 11 de setembro de 1761, segundo expediente do arquivo do concello (Arquivo Histórico do Concello de Mondoñedo, Carpeta 2317, anos 1761-178), prodúcense unha gran inundación, en varios puntos do termo municipal, causada por unha serie de fortes trombas de auga nas horas previas.

Na enchente será a zona do río do Sisto unha das máis afectadas e, como consecuencia diso, perderíanse varias vidas nesta área causaría importantes perdas materiais, entre elas o macelo situado en fronte da Fonte Vella, na esquina da actual rúa de Álvaro Cunqueiro coa Rúa da Fonte.

Por toda esta desfeita pídese axuda á monarquía que concede unha importante achega, poderiamos dicir en termos actuais, e envía a un enxeñeiro militar (Martín Gabriel) para elaborar unha proposta que solucionase estes problemas de inundacións causadas polo río do Sisto.

Este enxeñeiro elabora unha serie de propostas consistentes na execución dun canal para as augas deste río por todo o tramo urbano no que pasa (a actual Rúa Rigueira e Rúa da Fonte) e propón tamén levar a cabo obras nas ladeiras que deriven augas a varios puntos sen que se concentren nunha soa vertente. Todo isto, ademais da redacción pertinente, plásmase nun plano de detalle elaborado por el.


Plano elaborado polo enxeñeiro militar enviado a Mondoñedo tras a inundación. (AHCM - carpeta 2371)

A proposta de canle sería un espazo abovedado con maior capacidade que a que precisaría para o río en días normais e que asumiría sen problemas subidas excepcionais. 

Detalle da sección orixinal da canle proposta por Martín Gabriel

Na proposta inicial esta canle iría polo centro da rúa e ocuparía case todo o espazo da mesma.

Ademais diso procederíase a facer unha serie de obras río arriba, máis aló das casas, en todos os barrancos da zona, que evitarían a baixada de importantes acumulacións de auga.

Segundo os datos existentes no arquivo do concello parece que este proxecto orixinal non se executa senón que se fan unha serie de modificacións ao mesmo. Así, ao final, constrúese un que discorre pegado ás casas da parte noroeste na rúa Rigueira e logo ao pé das da parte note da Rúa da Fonte, ou sexa, na beirarrúa da parte do Pazo Episcopal. Por ese lado seguiría pegado ao muro da horta do Pazo ata chegar á esquina do mesmo contra a actual Praza do Seminario. No lugar onde se localiza o Torrillón da horta xirando dende aí cara ás hortas desa zona, xa que non había máis construcións no lugar.

En expedientes posteriores fálase desta mesma canle e en planos do século XX relativos a saneamentos –primeira metade de século- amósase o mesmo plano da canle.

Na actualidade esta canalización discorre pegada ás casas ata chegar a uns metros máis abaixo da entrada cara a Praza da Catedral dende Rúa da Fonte, na esquina do Pazo Episcopal, dende onde deriva cara ao medio da rúa a través tubos modernos.

Neste mesmo proxecto orixinal do século XVIII, proponse a construción dun macelo novo no que hoxe é a Praza do Seminario en fronte de onde logo se construiría este edificio de formación sacerdotal que lle dá nome á praza, o Real Seminario Concilar Santa Catalina.

Para o abastecemento de auga deste macelo empregaríase auga derivada do Pazo Episcopal, procedente das canalizacións de abastecemento do mesmo.

 

Escavacións en Rúa Rigueira e Rúa da Fonte.

Durante o ano 2011 e comezos do ano 2012 leváronse a cabo obras de remodelación da Rúa da Fonte e da Rúa Rigueira nas que se renovaron os pavimentos, os saneamentos, abastecementos e outras instalacións e, xunto con iso, leváronse a cabo traballos de supervisión arqueolóxica de todas as escavacións e remocións que foron precisos para a execución destas obras.

A primeira das zonas na que se acometeron estes traballos foi a Rúa da Fonte e, nos mesmos documentouse a canle histórica do río do Sisto, unha traída de cerámica, unha traída de granito e a canle desaugadoiro da Fonte Vella que vertía e verte cara á rúa, enlazando a súa auga coa do río do Sisto.

Na rúa Rigueira, continuouse rexistrando a canle do río, así como a canalización de granito, mais tamén se documentaron dous areeiros e un cambio na forma desta canle en pedra.

 

Traída de auga en pedra de granito.

Durante os traballos de escavación da gabia para a canalización da enerxía eléctrica, que discorre paralela á canle histórica do río do Sisto, atopáronse varias pezas de granito cun burato central que encaixan unhas noutras e que presentaban continuidade cara á parte oeste da rúa, cara á rúa Rigueira.

Localízanse na parte alta da rúa, ao oeste da entrada que existe para a Praza da Catedral.

Estas pezas son partes dunha canalización que se monta a fins do século XVIII (arredor de1765) e que continuaría ao longo da rúa ata entrar dentro do Pazo Episcopal, xa que sería parte do seu abastecemento de auga.


Canalización recén descuberta en Rúa da Fonte. Mondoñdo.

O tramo final da canalización e a entrada desta dende a rúa ao Pazo Episcopal está desaparecida, previsiblemente afectado por obras previas na rúa tempo atrás, co que non sabemos cal era exactamente a forma en que cruzaba o río e entraba no pazo do bispo.

En canto á súa descrición, temos que indicar que cada unha das pezas atopadas é duns 65cm. de longo de media, cun ancho de 45cm. e un alto de 45cm. Presentan un saínte na parte final (cara ao Palacio Episcopal) e un entrante na outra parte de modo que encaixan perfectamente unha con outra ao igual que poden facelo as canalizacións actuais de cemento.

Burato na parte superior do cano de pedra.
Para evitar fugas de auga están soldadas entre elas con aros de chumbo que encaixan entre o saínte dunha peza e o entrante da seguinte. Ademais presentan algunhas puntos de alivio de aire /auga xa que contan cun burato na parte superior que fai esta función.

Esta canalización estaba proxectada tras a inundacións de 1761 e execútase, ao parecer, tal como se reflicte nos proxectos elaborados nese momento.


No momento de seren descubertas, destapáronse 14 pezas encaixadas entre si e colocadas “in situ” ao pé do muro exterior da canle histórica. Tamén se observaba que continuaban cara arriba, tal como se indicaba no proxecto do século XVIII, a carón do río.

Derivado desta intervención e das necesidades do momento, recuperáronse varias destas pezas e o resto das localizadas en Rúa da Fonte, quedaron no lugar, protexidas para evitar danos nas mesmas.


Seguindo rúa arriba, entramos en Rúa Rigueira. Alí continúa a canle do río e, sobre ela os canos de pedra, semellantes aos atopados en rúa da Fonte.


Canos de pedra, semellantes a os de Rúa da Fonte, sobre a parede da canle do río do Sisto. Marcados entre dúas liñas brancas.

A diferencia agora é que nesta parte localizáronse dous areeiros e tamén un novo tipo de cano no tramo medio desta rúa.

Areeiro atopado en Rúa Rigueira e canle en
forma de "U"

Dos dous areeiros só un deles se documenta ao detalle. Trátase dunha especie de arqueta lixeiramente rectangular (85cm x 55cm), de pedra de granito que presenta a entrada ao mesmo por un extremo e saída polo contrario sen que entrada e saída estean enfrontadas. Isto fai que a auga xire e deixe alí posibles restos de area, limos ou similares.

Así mesmo sería un punto de freado para a auga, xa que esta rúa ten bastante pendente no seu tramo máis alto co que esta traída de auga viría con bastante velocidade.

Este areeiro presenta canles abertas de entrada e saída con sección de “U” que son as que se documentan cara a parte superior da rúa e que logo enlazarían coas tubaxes pechadas que describimos antes, mais dadas as características da obra, non se documentou o punto onde se unen os dous trazados que sería, polo que parece, un pouco máis abaixo deste areeiro aquí descrito e que podemos ver na imaxe á dereita.

Estas canles abertas terían unha cuberta de lousa que evitaría a entrada de elementos alleos.



A incógnita que nos queda é saber como continúa esta canalización ata a cabeceira da rúa Rigueira, xa que nesa parte non houbo intervención e, polo tanto, non se puido documentar a mesma.

Comentarios

Entradas populares de este blog

APUNTES DE LA FAMILIA DE D. JOSÉ VILLAAMIL Y CASTRO EN MONDOÑEDO

LA CASA SANTOMÉ DE MONDOÑEDO

RESTOS ARQUEOLÓXICOS ATOPADOS NA PRAZA DO SEMINARIO DE MONDOÑEDO (MONDOÑEDO, LUGO)