ACHEGAS Á BIOGRAFÍA DE JOSÉ PACHECO E PASCUAL VEIGA. OS DOUS PRINCIPAIS MÚSICOS DE MONDOÑEDO DO SÉCULO XIX

Resumo: No presente artigo trátase de elaborar unha breve biografía de José Pacheco e Pascual Veiga co fin de achegar novos detalles a estas dúas grandes figuras da música galega da Idade Contemporánea.

Preténdense achegar e resumir detalles procedentes de documentación de arquivos de Mondoñedo e Covadonga (Asturias), así como da prensa da época na que se recollían moitos aspectos da sociedade e da música do momento, posto que neste século XIX e nos comezos do XX, os Orfeóns e Sociedades Corais estaban moi en boga e gozaban de gran éxito entre a poboación.

Compleméntase o traballo con datos bibliográficos, necesarios e imprescindibles, que permiten completar o fío biográfico de ambos músicos e con iso crear un discurso continuo e facilmente intelixible.

Agradecementos: a Andrés García Doural, pola súa colaboración coa achega de información, e ao Arquivo Histórico da Colexiata de Covadonga, pola achega documental solicitada en formato dixital.

 

Busto de Pascual Veiga Iglesias -Praza Jamie Cabot, Mondoñedo-

Introdución.

A música de Mondoñedo no século XIX e principios do XX é un referente en Galicia e arredores, xa que figuras como José Pacheco ou Pascual Veiga destacan como dous grandes compositores e músicos da súa época.

José Pacheco, dende a tradición catedralicia mindoniense, compón e forma novos músicos que se abrirán camiño na próxima xeración.

Estamos ante un músico que está ao día das correntes modernas do seu tempo, de feito viaxará a Madrid para “actualizarse” en 1832 e tamén será demandado en puntos de referencia, como a Catedral de Oviedo, que o cita por primeira vez, para xuíz nun proceso de oposición de organista na sé oventense e que, anos despois, lle ofrece o posto de Mestre da Capela da mesma, aínda que opta por non abandonar Mondoñedo, a pesar das vantaxes do novo posto.

O seu herdeiro, por calidade e con moita maior proxección galega e exterior, será Pascual Veiga, que se formou na Catedral mindoniense en canto, solfexo e instrumento (sobre todo en órgano, chegando a ser organista suplente) e, a partir de aí, medrou optando á praza de organista da Colexiata de Covadonga e ao da Colexiata de Santa María do Campo da Coruña, onde permaneceu ata que marcha a ocupar un posto no Conservatorio Nacional de Música de Madrid, cargo que manterá ata a súa morte.

Este foi un home que contribuíu á música e á súa difusión coa fundación de coros de gran calidade e recoñecemento e, tamén, coa composición de moitas obras, entre as que destaca a Alborada de Veiga, que foi cantada en coros locais e foráneos como peza estrela. –entre eles, por exemplo, coros asturianos que a interpretaron pola súa gran demanda e éxito de público-. Mais sen esquecer a peza musical que hoxe é o Himno Galego, obra por exelencia pola que hoxe se coñece a Veiga na sociedade actual.

A seguir, achegamos algunhas liñas biográficas destas dúas figuras que están, por dereito propio, entre os máximos expoñentes da música galega do século XIX e comezos do XX. Así mesmo, tamén se expoñen algunhas pinceladas sobre a súa obra musical.

 

José Pacheco. Vida.

Naceu en Mondoñedo o 15 de decembro de 1784. Perdeu aos seus pais e foi posto baixo a custodia da súa avoa, Agustina Pacheco, ata a morte desta a finais de 1796.

Pacheco ingresou como neno de coro na Catedral de Mondoñedo o 6 de febreiro de 1795, elixido entre tres candidatos polo Cabido.

Ao ano seguinte, despois da morte da súa avoa, pasa a depender da Catedral. Alí atribúenlle 3 reais diarios de soldo, aínda que inicialmente só por dous anos (período de tempo que se ampliará e que en 1803, aumentará a 4 reais). Así mesmo, asígnanselle coidados, asistencia e educación a conta da Catedral, actos que, dende finais do ano 1796 (23 de decembro), recaen no Mestre de Capela, Ángel Custodio González de Santabaya, quen os realiza con gusto segundo a documentación catedralicia.

O 27 de xullo de 1804, Pacheco aparece xa como "substituto" do Mestre de Capela, etapa na que conviviu co Mestre Oficial, Santabaya, ata a súa morte o 15 de decembro de 1804.

Poucos días despois do seu pasamento, o 19 de decembro, Pacheco será autorizado para dirixir os cantos de Nadal e exercer de Mestre de Capela, pero a súa continuidade aínda non está decidida. O certo é que a partir de entón, de facto, salvo momentos moi puntuais, Pacheco encargarase da mesma ata a súa morte.

Pero a elección non foi directa, non hereda a praza, snon que aínda hai un pequeno periplo ata que a consegue. Isto vémolo en que, por exemplo, entre finais do ano en curso e comezos do ano seguinte, 1805, o Cabido recibe peticóns, que decide rexeitar, dende outras capelanías para ocupar o posto de Mestre de Capela en Mondoñedo e, nese mesmo tempo, decide enviar a Pacheco a “formarse e perfeccionarse” para que alcance a pericia, a capacidade e o virtuosismo necesarios para cubrir a vacante deixada por Santabaya. Xunto con iso, elévaselle o soldo a 10 reais.

O Cabido vía que Pacheco podía ser unha boa opción para substituír a Santaballa, mais precisaba acadar un nivel axeitado e vían como a demanda para ocupar a praza era alta, co que tiñan que encamiñar a Pacheco de forma axeitada para que fose, con todo o dereito, o seguinte Mestre de Capela de Mondoñedo.

Así, concretamente, o 18 de xaneiro, concedéronlle na Catedral, documentalmente, un permiso para ir a Santiago ou Madrid a formarse e confírmaselle o soldo de 10 reais.

A elección de Pacheco será Santiago e así o fai constar. O 5 de febreiro aprobouse a súa solicitude e marchou á Catedral compostelá a formarse carón do cóengo Melchor López.

O 24 de xaneiro de 1806, Pacheco volta pedir permiso para ir a Santiago e continuar a súa formación. Non recibiu resposta ao respecto e na mesma reunión capitular acordouse que era necesario cubrir o posto de Mestre de Capela de Mondoñedo de inmediato. Consideran que xa está no nivel axeitado e ocupar a praza de forma oficial corre presa.

Días despois recíbese un escrito do Prelado ao respecto, mais acórdase que non será ata o 5 de febreiro a toma da decisión e optarase por elixir entre todas as solicitudes recibidas para ese posto, dez concretamente. Entre elas, por suposto, a de Pacheco. Da citada reunión de febreiro, sairá elixido José Pacheco.

 

Toma de posesión como Mestre de Capela en Mondoñedo

O 7 de febreiro de 1806 xurou o cargo de Mestre de Capela ante o Cabido, segundo a norma vixente. Despois diso, pasou a ser Mestre da Capela da Catedral de Mondoñedo de pleno dereito coas súas obrigas e privilexios. A súa elección deu lugar a queixas dalgúns dos cóengos e mesmo a unha querela por non estar totalmente dacordo co resolto, mais non tivo percorrido no tempo.

En 1809, Pacheco solicitou a súa ordenación e foille concedida. Será ordenado subdiácono.

Entramos nunha fase de composición, maxisterio e práctica musical na Catedral. O seu traballo e a súa calidade levarano a acadar gran sona e a súa labor de creación dará lugar a obras de gran interese ao longo da súa vida.

A seguinte data a destacar é o 8 de novembro do 1815, data na que, perante o Cabido mindoniense, o "Mestre de Capela presentou oficio do Cabido de Oviedo polo que o chaman para ser xuíz nas oposicións de organista" (ACM, Actas Capitulares, 8/11/1815, folio 364v). A Xunta Capitular outórgalle a solicitada licenza, polo que participa nesta oposición, como xuíz, en Oviedo.

Vista dun dos órganos da Catedral de Mondoñedo.

Viaxe a Madrid

Tras algo máis de 25 anos á fonte da capelanía mindoniense, considera preciso unha "acutalizción" e así o fai no 1832, ano no que viaxa a Madrid para coñecer o movemento artístico en xeral e os centros culturais máis de moda, entre eles o Conservatorio Superior de Música María Cristina. Busca coñecer a modernidade na música e relacionarase cos músicos do momento con marcada tendencia italiana.

Os estudos sobre a súa figura considran que esta viaxe foi de proveito para el e que houbo cambios na súa música tras o seu paso pola capital.

 

Oferta do posto de Mestre de Capela da Catedral de Oviedo.

O nivel musical de Pacheco é alto e ben coñeñcido polos seus contemporáneos e imos ter un exemplo claro coa proposta que recibe da Catedral de Oviedo, onde xa o pediran como xuíz para unha oposición.

Así, o 14 de marzo de 1833, na reunión capitular da Catedral, dáse lectura unha carta presentada por Pacheco na que comunica que foi agraciado co "maxisterio de capela da Catedral de Oviedo" e comunica que quedou á espera do consentimento da sé mindoniense para aceptar o cargo.

Dado que o Cabido quería que Pacheco quedara en Mondoñedo, decidiu que se lle pagasen 200 ducados anuais, ademais do propio do seu cargo, para compensar as vantaxes que lle proporcionaría aceptar o posto en Oviedo. En Mondoñedo sabían da súa calidade, invertiran na súa formación e non estaban dispostos a que marchase.

Ao final o Cabido consegue o que quería e Pacheco queda en Mondoñedo.

 

Continuación da súa estancia en Mondoñedo ata o seu falecemento

Despois deste feito, Pacheco manterase no seu posto desempeñando as súas funcións: compositor, mestre, xuíz en probas musicais na catedral,… Todo o habitual dentro da vida “ordinaria” dun Mestre de Capela, aínda que sexa un ilustre como neste caso.

Con todo, ademais da súa música, cabe destacar un feito de interese para o tema que estamos a tratar e que ten que ver con Veiga.

Este será en 1852, un 26 de novembro. É a data cando Pacheco, no exercicio das súas funcións, presente a dous candidatos para ser nenos de coro, un deles de nome Pascual Veiga Iglesias e outro Antonio Umbelino Casariego.

O Cabildo aceptará os dous candidatos, como noutros moitos casos neste século, e así pasan a formar parte do coro. Este é o comezo da vida musical de Pascual Veiga na Catedral de Mondoñedo e con isto dará tamén comezo a andaina musical deste xenio mindoniense que será un dos máis ilustre músicos galegos.

A vida de Pacheco seguirá o seu curso, continúa desempeñando as funcións propias de Mestre de Capela, coas súas obrigas, ata o seu falecemento, sen aspectos a destacar máis aló, e non é pouco, que o feito de que seguirá compoñendo ata a fin dos seus días.

O seu pasamento terá lugar en Mondoñedo o 23 de marzo de 1865, probablemente nunha casa propiedade da Catedral onde vivía con varios músicos [1 -nota n.º1 ao fina do artigo-], entre eles con Pascual Veiga.

Lápida do nicho onde descansa José Pacheco -Cemiterio Vello, Mondoñedo-

José Pacheco – Obra.

A obra de Pacheco é ampla e densa, derivada en parte da súa función como Mestre de Capela que tiña, entre as súas obrigas, a de compoñer música para a Catedral. Por todo iso, non recollemos exhaustivamente as súas composicións, senón unha breve escolma.

Así, unha primeira obra a citar é a que compón durante a súa estancia en Santiago, mentres se formaba, estamos a falar do Miserere.

Xa como mestre de capela, unha das súas obras máis destacadas é o Plorans, ploravit, un motete que se interpreta na Semana Santa de Mondoñedo e do que Pacheco indica que só se interprete en Mondoñedo, a súa cidade natal, ou na Capela Real de Madrid.

Cabe tamén destacar que, como curiosidade si se quere, que compón a obra Dixit Dominus para os opositores á praza de organista de Oviedo, cando el asiste como xuíz desta proba nos finais do 1815.

Outras das súas obras son Deus ecce Deus, unha Misa a catro voces e dous coros sobre un himno da Igrexa. Sacri solemnis, Libera me Domine, etc.

Ou, por último, destacar o Oficio dos Defuntos, escrito en 1832 despois da súa viaxe a Madrid.

Todas elas, como indicamos, a modo de breve escolma, xa que se lle deben coleccións de cancións galegas, muiñeiras e, dado que como Mestre de Capela o seu cargo incluía a composición de músicas, entre eles deberían situarse as famosas panxoliñas de Nadal, da cateral mindoniense, que se escribían, en parte, en galego.

No arquivo da catedralicio consérvanse unhas 250 partituras da súa autoría.

 

Pascual Veiga. Vida.

Pascual Veiga Iglesias naceu en Mondoñedo o 9 de abril de 1842.

No ano 1852, un 26 de novembro, José Pacheco, no exercicio das súas funcións como xa vimos, presentou dous candidatos para ser nenos de coro, un deles de nome Pascual Veiga Iglesias. O Cabido acepta aos dous candidatos e pasan a formar parte do coro.

Veiga inicia así, co ingreso no coro da Catedral, a súa vida musical, en principio como calquera outro neno de coro, pero el xa presenta aptitudes propias dun gran músico e logo destaca, tanto é así que, ao pouco de entrar na catedral, escribirá a súa primeira obra, Septenario a la Virgen de los Dolores.

A súa calidade e a súa inquietude por medrar na música son patentes na citada composición, pero tamén en peticións que fai. Así, cando ainda non ben pasaran catro anos do seu ingreso na Catedral, un 5 de novembro de 1856, con apenas 14 anos, leuse na xunta Capitular unha instancia de Pascual Veiga na que se solicitaba aprender órgano e, tras o informe positivo do Mestre de Capela, Pacheco, que ve as súas aptitudes, autorízase tal aprendizaxe. Neste caso, da man do organista da Catedral. 

Por isto, tras esta decisión, entre 1856 e 1860, estudará órgano con Rafael Tafall y Abad, titular da praza de Organista da Catedral de Mondoñedo.

Casa natal de Pascual Veiga. Mondoñedo


Oposición a organista na Catedral de Mondoñedo

En febreiro de 1860, Tafall obtén a praza de Organista en Santiago, deixando vacante a mindoniense e dando lugar ao comezo dunha longa fase de oposición á mesma, oposición que remataría finalmente en decembro deste ano.

Neste primeiro concurso, que establece unha idade mínima de 23 anos e a máxima de 45, será elixido Gabriel Baltierra, natural de Tui. Foi o único opositor, segundo a documentación catedralicia, e estará no cargo só seis meses, xa que toma posesión en Mondoñedo o 15 de febreiro de 1861 pero, ao pouco, é nomeado organista en Tui, tomando posesión da praza de tudense, en xullo de 1861 co que deixa a catedral mindoniense.

Na seguinte oposición, dada a formación obtida por Pascual Veiga de Tafall, este presenta a súa candidatura, a pesar de non alcanzar a idade mínima esixida e por iso solicita presentarse "a mérito". Entra nas probas, pero por non acadar a idade mínima non conta para a oposición. Así, Inocencio Perdigón e Nicolás Coronas foron considerados os únicos opositores oficiais á mesma.

O resultado desta oposición recóllese na acta da reunión Capitular do 22 de febreiro do 1862. Nela recóllense as valoracións outorgadas aos candidatos pola comisión designada para a valoración da oposición.

Esta comisión, dirixida por Pacheco, indica que Pascual Veiga debe recibir un aprobado porque “desempeñó bastante bien todo lo que se le mandó ejecutar. Tiene excelentes disposiciones y logrará mayores progresos…”.

No que refire aos dous presentados oficialmente para o cargo, de Inocencio Perdigón dirá que “manifestó buen gusto y expresión” e, por último, de Nicolás Coronas, que finalmente consegue a praza, dirá que “excedió a los anteriores en su buen manejo, soltura y firmeza, gusto y genio, que manifestó en el buen desempeño de los ejercicios” e considera que posee “mayor aptitud para el desempeño de sus obligaciones de organista”. Así, este último, tomará posesión en maio.

Queda, polo tanto, Pascual Veiga como aprobado, pero sen praza, como estaba estipulado. Exercerá como organista suplente na Catedral de Mondoñedo, e así constará nas contas do ano 1863.

 

 Placa  colocada na casa natal de P. Veiga. Mondoñedo.

Oposición a organista na Colegiata de Covadonga. Asturias.

O 11 de agosto de 1863 o Cabido concedeu 25 días de permiso a Pascual Veiga, neno de coro, para participar no exame de organista da Colexiata de Covadonga (ACM – Actas Capitulares). Segundo a prensa local da década dos noventa do século XIX e comezos do XX [2], exerceu en Covadonga ata que ao ano seguinte, con permiso da Catedral de Mondoñedo, se traslada á Coruña, á Real Colexiata de Santa Mª do Campo, onde obtivo a paraza de organista.

Parece ser que en Covadonga aproba os exames, pero todo o proceso de decisión da oposición alóngase no tempo (ata xuño de 1864) xa que o expediente acaba sendo enviado á Corte para que a Súa Maxestade o Rei decida quen debe ser proposto para o Beneficio de Organista na Real Colexiata, segundo o decreto que rexe a praza. Mentres, Veiga parece que non agardou resultado e conseguiu praza na Coruña.

A modo de exemplo presentamos unha breve nota sobre a oposición a organista de Covadonga:

O 25 de novembro de 1862, na Sala Capitular da Real Colexiata de Covadonga, trátase na xunta Capitular un escrito do Sr. Bispo de Oviedo solicitando a dimisión do Beneficiario Organista D. José López. Acórdase dar resposta ao asunto da forma máis decorosa posible. Nunha nova reunión capitular, con data do 30 de decembro de 1862, trasládase ao bispo a citada renuncia. (AHRCC - Actas capitulares)

Esta dimisión crea unha vacante para o cargo de organista na Colexiata e xerará a apertura dun proceso de oposición que dará lugar á súa cobertura.

Nunha xuntanza do 7 de xullo do 1863 ponse en marcha a oposición, para que os exercicios teñan lugar o 9 de setembro. Na acta capitular do 1 de setembro de 1863 figura “D. Pascual Veiga, natural de Mondoñedo…” como candidato á oposición. (AHRCC - Actas capitulares)

Nunha reunión do 15 de setembro de 1863 dáse conta de que se leu o ditame do tribunal de oposición a organista e decidiuse darlle traslado ao prelado, pero non se cita cal dos opositores sae elixido. En resposta a esta cuestión, recóllese nas actas capitulares da reunión do 29 de setembro de 1863, unha contestación do Sr. Bispo pola que reclama toda a documentación da oposición xa que considera que o Cabido de Covadonga non ten potestade para nomear beneficio de organista e ten que facelo a Súa Maxestade, segundo a Real Orde que rexe a oposición. O Cabido comprométese a reunir o expediente e darlle traslado ao mesmo. (AHRCC – Actas capitulares).

Na Acta Capitular do 9 de xuño de 1864, D. Manuel Zagle y Villa, cóengo da Colexiata, en nome de D. Manuel María Caballero y Margalet, a través dun poder do segundo sobre o primeiro, toma posesión da praza de organista no seu nome. (AHRCC - Actas capitulares)

Non queda moi claro si ao final obtén a praza de Covadonga ou non, si se mantén alí como “provisional” uns meses ou volta a Mondoñedo. Non coñecemos os resultados da oposición en canto á valoración do xurado, o que nos daría unha boa perspectiva do acontecido, aínda que quen teña que decidir entre os candidatos sexa o rei. O que se ve é que Veiga segue a depender de Mondoñedo –iso non lle impediría exercer como interino en Covadonga- pois ao Cabido é a quen se dirixe, nos comezos do ano seguinte, para dar o paso seguinte na súa vida e marchar cara á Coruña. Con isto vemos como Veiga non agarda ao resultado final das probas de Covadonga, ou iso parece, e, con iso, simplificaría a decisión rexia ao eliminarse como candidato.


Estancia en A Coruña. Fase coruñesa.

En 1864, o 18 de xaneiro, o Cabido mindoniense dá permiso a Pascual Veiga para ir á Coruña, pois fora chamado para tocar o órgano da Colexiata. A partir de aí será cando estableza a súa residencia na Coruña ao obter esta praza de organista na Real Colexiata de Santa M.ª do Campo en propiedade.

Aquí, a súa actividade musical, máis aló da influencia e dependencia da Catedral de Mondoñedo, madura e acada cada vez a máis logros. Así, será nomeado, ao ano seguinte (1865), vicepresidente da sección de música de la Sociedad Hermandad Juvenil onde dirixirá o seu Coro compoñendo numerosos bailes para este.

Nesta mesma liña, no 1867, fundará unha orquestra que en 1875, a petición e aprobación do Cabido, obtén o nomeamento de Capela da Real e Insigne Colexiata da Coruña. Esta será o escenario de composicións relixiosas, entre as que destacan unha Misa de Réquiem, un Te Deum e numerosos motetes e panxoliñas.

Tamén no ano 1867 comporá a música que se interpretaría nos bailes das festas do entroido local e será tamén a partir desta data, cando comece a súa etapa como fundador e impulsor de corais en Galicia. Fundará catro na Coruña, e será nomeado vicepresidente da sección de música e canto do Liceo Brigantino, que dirixirá xunto con Canuto Berea.

O primeiro orfeón desta fase foi o Orfeón Brigantino. Co que gañou o primeiro premio de interpretación en 1877 no concurso organizado polo Círculo de Gimnasia y Esgrima coa obra El Amanecer, de Eslava.

Na etapa do Orfeón Brigantino porá música a poemas como Gallegos. Á nosa terra!, Os ártabros. Escena Orfeónica, As Artes, etc. Tamén outros cos títulos de Alborada, Muiñeria, Serenata e Barcarola de Gumersindo Placer López.

En 1878 deixa o Orfeón Brigantino e funda o Orfeón Coruñés. O obxectivo do mesma era participar no certame musical organizado con motivo das festas de María Pita no Liceo Brigantino. Con el obtén o primeiro premio.

Nas mesmas datas fundará o Orfeón Pacheco en Mondoñedo.

En 1880, co Orfeón Brigantino, nun certame musical en Pontevedra organizado pola Sociedade dos Xogos Florais, presenta a Alborada Gallega, máis coñecida como Alborada de Veiga.

Unha obra de gran éxito no seu momento. Figurará, de continuo, no repertorio dos orfeóns de Veiga, pero tamén será moi interpretado por outros, tanto por coros galegos como foráneos dada a gran aceptación do público. De feito, a finais desta década publicarase en Madrid a primeira edición da súa partitura.

En 1881 o Orfeón Pacheco, de Mondoñedo, nomeou director honorario a Pascual Veiga.

Ao ano seguinte, 1882, fundará El Nuevo Orfeón, que pronto se coñeceu como El Eco. A súa primeira actuación será ese mesmo ano en Pontevedra con motivo dos Xogos Florais. Gaña o primeiro premio. Con este orfeón seguirá gañando premios ata 1886, momento no que sae do mesmo.

En 1888 créanse na Coruña dúas cátedras de música, unha de Solfexo e Canto e outra de Instrumentación. Ao ano seguinte a primeira divídese en dúas: Solfexo e Canto, Veiga accede á de Solfexo.

Un ano máis tarde, no1889, funda o Orfeón Coruñés Número 4 (o cuarto fundado por el na Coruña) para asistir ao concurso coral organizado con motivo da Exposición Universal de París dese mesmo ano. Os días 22 e 23 de agosto participará con gran éxito no certame da exposición universal, obtendo o primeiro premio e a Medalla de Ouro. Entre outras pezas, interpretouse a Alborada Gallega, que tivo un gran éxito entre o público.

En 1890, coa axuda da xunta directiva do Orfeón Coruñés Número 4, organiza un certame de música no que se establecen dous concursos, un de composición e outro de interpretación. Entre os premios do concurso de composición, figura unha categoría para a creación dunha marcha rexional galega sobre o texto da poesía de Eduardo Pondal que comeza co verso Que din os rumorosos;...?

Veiga non participa neste concurso porque forma parte do xurado.

En setembro de 1890 deixa o Orfeón Coruñés Número 4, que pasará a ser dirixido polo seu fillo.

 

O Himno Galego

Fagamos aquí unha pequena paréntese e acheguemos unhas consideracións acerca do Himno Galego, a raíz de saír o tema do concurso para musicar o poema que comeza con “Que din os rumorosos;…?”.

A partitura de Veiga que musicará definitivamente o texto de Pondal está asinada o 13 de xullo de 1890. Ese será o futuro Himno de Galicia, oficial dende que o Estatuto de Autonomía actual entrou en vigor.

A obra interpretarase con todo o boato propio dun himno no Gran Teatro da Habana (Cuba) o 20 de decembro de 1907, tras a morte de Pascual Veiga e grazas ao esforzo de Fontenla Leal, aínda que parece que non foi o primeiro lugar onde se representou, xa que semella que isto aconteceu en Madrid, cando Veiga ingresou na Escola Nacional de Música (1892) e, con toda seguridade, foi interpretada en 1895 [3] polo Orfeón El Eco de Madrid.

A partir de 1908 foi declarada interpretación obrigatoria en todas as festas do Centro Galego de Cuba. A primeira partitura publicouse na Habana en 1909.

En Galicia a primeira representación tivo lugar na Escola de Xordos e Cegos de Santiago en 1909, máis tarde en Mondoñedo (1912) cando chegaron os restos mortais de Veiga á cidade para recibir a súa sepultura definitiva.

 

Fase Madrileña. Estancia en Madrid ata o seu falecemento.

Continuando a narración cronolóxica da súa biografía, retomamos o fío previo ao punto anterior. Así, ainda non ben dous anos más tarde de deixar o Orfeón Coruñés Número 4, en maio do 1892, Veiga trasládase a Madrid. O seu traslado débese a que vai ocupar unha praza de profesor de solfexo no Conservatorio Nacional de Madrid.

Vexamos o proceso a través da prensa do momento:

En 30 de marzo do 1892, atopámonos cunha primeira referencia en El Correo Gallego: diario político de la mañana, (páxina 2), onde indican que “se baraja la posibilidad de que Veiga ocupe una plaza en el Conservatorio Nacional de Madrid”, algo que vemos que se confirma na prensa do 1 de maio (Diario de avisos de La Coruña –páx.1-), onde recollen que “Ha sido propuesto para la cátedra vacante en el Conservatorio de Madrid, por muerte del maestro Ronconi, D. Pascual Veiga” e, no 2 de maio do 1892 recóllese, en El Eco de Galiciadiario de la tarde (páx.2), que “El reputado compositor gallego, D. Pascual Veiga, acaba de ser nombrado profesor de la Escuela Nacional de Música” a partir de aquí o traslado a Madrid é inminente e na prensa do 22 de xuño recóllese que “Pascual Veiga es ya profesor del Conservatorio Nacional…” (Galicia recreativa: semanario popular, utile et dulce, páx.7)

En prensa do 1902, atopamos recollida a data en que toma posesión: “…Conservatorio nacional de música (…) D. Pascual Veiga Iglesias, autor de la aplaudida alborada gallega, que desempeña una plaza de profesor de solfeo desde 14 de Mayo de 1892” recollido en La idea moderna: diario democrático en Lugo, páx.3 (8/3/1902)

A partir de aí comeza a súa actividade en Madrid pasando a ser director do Orfeón Matritense, do que cesará, como tal, no 1894. E xa nese mesmo ano comeza a traballar na fundación dun novo orfeón El Eco de Madrid [4], grupo vocal que verá a luz ao ano seguinte, 1895.

Este nacemento recollerase na prensa da época: “El maestro gallego D: Pascual Veiga, director del orfeón El Eco de Madrid, ha presentado á éste hace algunas noches en el teatro Martín de la Corte. El orfeón cantó admirablemente las composiciones del Sr. Veiga “Himno”, “La escala” (muiñeira), “La barcarola” y “La alborada”, así como “El yunque” de Adam, y “El amanecer, de Eslava, siendo repetidas varias de ellas á ruegos del publico” (El Correo Gallego: diario político de la mañana. Ano XVIII, número 5004 – 1 de xuño do 1895, páxina 1)

Outra testemuña de que se da a coñecer El Eco de Madrid no Teatro Martín, indicando a interpretación das mesmas pezas, atopámolo El Diario de Galicia: periódico católico e independiente. Ano V, número 1236 – 8 de xuño de 1895 (páxina 2).

Veiga medra na súa música, nos coros, pero tamén ascende na escala de profesores do Conservatorio Nacional de Música, será no ano 1896, e refléxase en que pasa a cobrar 3.500 ptas. [5].

Tamén neste ano 1896, fai o seu debut Orfeón do Centro Gallego de Madrid, organizado e dirixido polo mestre Veiga [6].

Unha das primeiras intervencións deste orfeón terá lugar neste mesmo ano nun certame en Lugo, no mes de setembro. Aquí, neste caso, parece que a execución das obras, por parte do coro, non amosou o nivel desexado por Veiga xa que a principios do ano seguinte recibiu un diploma en Madrid cun accésit no certame e decidiu devolvelo xunto cunha carta xustificativa, asinada a 7 de febreiro de 1897, na que comunicaba que consideraba que non procedía este recoñecemento e que primaba o afecto do xurado sobre a técnica realmente amosada polo seu orfeón [7].

Máis aló desta anécdota, hai que dicir que seguirá desempeñando as súas labores de mestre no Conservatorio de Madrid, continuará dirixindo e compoñendo música e, con iso, acrecentado así a súa figura ata o seu pasamento.

A música de Veiga comezara xa a ter repercusión máis aló de Galicia dende moi cedo, hai referencias a interpretacións da súa música en Asturias dende 1888 en Oviedo, Xixón, Castropol... pero será a partir desta fase en Madrid, cando mellor se aprecie esta repercusión. E, tras da súa morte, seguirá. A obra de Veiga trascende o seu tempo, máis aló do Himno Galego.

Deste xeito veremos, sobre todo, que a súa obra Alborada Gallega ou Alborada de Veiga terá unha gran difusión e éxito popular, como así veremos no apartado da súa obra. Hai exemplos da súa interpretación en Asturias a principios do século XX ou, como algo máis excepcional, o Orféon de Baeza, en Xaén, que en 1897, segundo as referencias da prensa, comezou nos seus ensaios, entre outras obras, a traballar a Alborada de Veiga [8].

Este ilustre músico mindoniense morrerá en Madrid o 12 de xullo do 1906. Os seus restos serán trasladados a Mondoñedo en 1912, onde repousa na actualidade.

Mausoleo que contén os restos de Pascual Veiga -Cemiterio Vello, Mondoñedo-

 

Inscripción do mausoleo onde pode verse a data de traslado e o financiamento da obra, procedente da emigración de Arxentina e Cuba


Pascual Veiga. Obra.

A obra de Veiga é ampla e variada, pero sobre todo centrada nas corais que foron a súa vida.

Nun primeiro momento debemos falar de composicións relixiosas, claro está, vencelladas sobre todo á súa etapa da Catedral de Mondoñedo. Así temos, unha a Misa de Réquiem, un Te Deum e numerosos motetes e Panxoliñas (ata arredor de 1867).

Máis adiante pora música a poemas como Gallegos. A Nosa Terra! escena coral en verso nun carro, escrita para o Orfeón Brigantino da Coruña (1879), Os ártabros, escena Orfeónica e As Artes e, xunto destes, outros poemas musicados cos títulos de Alborada, Muiñeria, Serenata y Barcarola de Gumersindo Placer López (arredor de 1877) ou Alborada gallega, más conocida como Alborada de Veiga (1880), quizais a peza máis interpretada deste músico, tras o Himno Galego, peza que comporá no ano 1890, para musicar o poema Os Pinos de Eduardo Pondal e que, tras a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia no 1981, pasará a ser o Himno oficial de Galicia.

Outras pezas dignas de mención, para completar a escolma, poderían ser Lazos de amor, A última queixa, Unha foliada, Alborada número 2 y El canto del pescador.

Veiga foi, e segue a ser, un músico de referencia e as súas obras transcenderon ao personaxe. O exemplo principal é o Himno de Galicia que se interpreta en todos os actos oficiais e institucionais de Galicia co que debería ser, con diferenza, a obra máis reproducida e, por ende, coñecida de Pascual Veiga. Mais algo "oficial" non fai fe do que pode ser o artista, xa que chegados a este punto é algo de obrigado cumprimento en actos oficiais, aínda que chega a ser o que é por aclamación popular, por así dicilo, xa que dende comezos do século XX se lle quere dar certa relevancia e convertelo en símbolo de Galicia.

Como exemplo do que é Veiga, imos amosar como a Alborada Gallega ou Alborada de Veiga ten gran éxito entre o público e unha gran difusión, pode que sexa a súa obra máis coñecida e interpretada depois do citado Himno. Para exemplificar o dito, achegamos notas de como esta foi incluída en repertorios de moi diversa índole e en orfeóns e grupos vocais do momento.

Así, a parte dos orfeóns fundados ou dirixidos por Veiga, que a inclúen nos seus repertorios e polo tanto interprétase en Galicia ou en Madrid con certa frecuencia, imos presentar, como exemplo, aquelas documentadas en Asturias, a través da prensa local. Con isto vemos actuacións en Oviedo, Gijón ou incluso León, a cargo de grupos asturianos. Vexamos a prensa do momento citando escolmas de notas publicadas na mesma, presentámolas por orde cronolóxica:


El Carbayón diario asturiano de la mañana, Ano X, Número 2112 - 23 de febreiro do 1888, páxina 3

Nota da cidade de León, do día 22 ás 17h.:

El concierto que dio ayer la “Estudiantina oventese” estuvo muy concurrido. A petición del público se toco la “Alborada” de Veiga


El Carbayón diario asturiano de la mañana, Ano XI, Número 3441 - 27 de marzo do 1889, páxina 2

Esta noche tendrá lugar en el teatro del Fontan el concierto anunciado por la Sociedad coral ovetense” (…) en la tercera parte del mismo incluyen “Alborada, Pascual Veiga, por la Sociedad Coral


El Carbayón diario asturiano de la mañana, Ano XI, Número 3442 - 28 de marzo do 1889, páxina 3

Recolle a actuación do día anterior, cita o gran éxito de “todas las piezas del programa” e indica tamén que tres delas se repetiron:

Todas las obras fueron calurosamente aplaudidas, mereciendo los honores de la repetición las tituladas “Velar por la patria”, “Pepita” y la “Alborada de Veiga”.


El Carbayón diario asturiano de la mañana, Ano XI, Número 3576 - 26 de setembro do 1889, páxina 2

Orfeón Ovetense actúa en Oviedo e así se cita na prensa: …”sintió las hermosas notas de la Alborada cantada por el Orfeón Ovetense…


El Carbayón diario asturiano de la mañana, Ano XI, Número 3578 - 9 de outubro do 1889, páxina 3

Entre las piezas que esta noche ejecutará el sexteto ovetense en el café “París”, figura la tan aplaudida “Alborada Gallega”, que ha sido premiada en el Certamen musical de la Coruña


La Opinión de Asturias, Ano I, número 44 - 28 de marzo do 1893, páxina 2

Sección provincial. Grado.

No casino da Magdalena, 14 de marzo, velada musical, entre as actuacións está incluída a interpretación da “Alborada


La Opinión de Asturias, Ano I, número 145 - 30 de xullo do 1893, páxina 2

Sección provincial. Sobre as festas da Magdalena en Llanes

"Por la noche nuevamente experimentamos el placer de escuchar la Banda municipal (...) y al Orfeón que entre otras varias composiciones cantó "La Alborada"..."


El progreso de Asturias: Ano III Número 521 – 10 setembro do 1903, páxina 2, sección “Ecos de Provincia

E di, sobre Gijón:

“Mañana a las nueve de la noche tendrá lugar en el teatro Dindurra un concierto organizado por la “Asociación Musical Obrera”. El Orfeón perteneciente a la Asociación cantará las últimas obras aprendidas (…) la “Alborada Gallega”(…)”

 

Castropol : periódico decenal : defensor de los intereses morales y materiales del partido judicial: Ano III Número 67 – 20 de maio do 1907. Páxinas 3 y 7.

Indican que en Tapia, no Centro Obrero, se interpretará a “Alborada de Veiga.

 

Vaia isto como escolma do éxito que tivo Veiga e da grandeza da súa música. Ben seguro que a investigación sobre a súa persoa e sobre a música galega do XIX e incluso do XX, irá traendo luz sobre os seus éxitos que servirán para coñecer cada vez máis e mellor a este ilustre mindoniense.

 

Adicación do mausoleo de Veiga que di: "Homenaje a Pascual Veiga, Autor de la Alborada" onde pode verse a gran importancia e recoñecemento desta peza que lle profesaban os seus contemporáneos.


___________________________________

Notas.

[1] Padrón veciñal de 1856 (AHCM - Carpeta 2250) o que aparecen citados como residentes na citada casa da rúa “Batitales Bajo” (hoxe Rúa Pacheco), José Pacheco, Pascual Veiga e outros músicos e nenos de coro de la Catedral. 

[2] En El Eco de Galicia: diario de la tarde. N.º 1799 do 12 de maio de 1892, nunha semblanza de Veiga, recollen que oposita en Covadonga e que os seus exercicios foron un éxito. En El Correo Gallego: diario político… (14/07/1906) recolle que en Covadonga recibiu a aprobación dos sus exercicios. Tamén se recolle que foi organista en Covadonga en El Cruzado… (14/06/1912) e La Región: diario… (19/09/1912). 

[3] Fernando López – Acuña e Manuel Ferreiro, por unha parte, consideran posible que o Himno se interpretase en Madrid arredor do 1892, tras ser nomeado Veiga profesor da Escola Nacional de Música, algo que ratifica Cancela Montes (Cancela, 2020) na súa tese de doutoramento, cando rastrea e atopa a interpretación del Himno de Veiga “por el Orfeón El Eco en Madrid en 1895

En esta mesma liña temos que indicar que en 14 de maio de 1892 é cando Veiga toma posesión da súa praza no Conservatorio Nacional de Música de Madrid, como refire a prensa local (véxase La idea moderna… pág.3 de 8/3/1902, recolle “profesor de solfeo desde 14 de mayo de 1892” e que en 22 de xuño do 1892 en Galicia recreativa: semanario popular…  recóllese que “Pascual Veiga es ya profesor del Conservatorio …” ) pero non refiren como foi o acto de toma de posesión e que músicas se interpretan á súa cheegada.

En cambio si que se recolle en 1895 (El Correo Gallego… 1/06/1895) a interpretación do Himno por parte de El Eco de Madrid na súa presentación, como tamén indica Cancela Montes na súa tese. 

[4] El Lucense: diario católico de la tarde. Número 3028 – 3 de decembro do 1894 

[5] El Diario de Galicia: periódico católico e independiente. Ano VI, número 1707, 27 de decembro do 1896 

[6] El Diario de Galicia: periódico católico e independiente. Ano VI, número 1498, 21 de abril do 1896 

[7] Carta de devolución recollida no xornal: El Regional: diario de Lugo… páx.3 (10/02/1897) 

[8] El Rregional de Lugo (30/08/1902), El Diario de Pontevedra… (03/09/1902) e La Correspondencia Gallega… (03/09/1902)

___________________________________ 

 

Arquivos

ACM – Arquivo Catedralicio de Mondoñedo.

ADM – Arquivo Diocesano de Mondoñedo. Diocese Mondoñedo – Ferrol.

AHCM – Arquivo Histórico del Concello de Mondoñedo.

AHRCC – Arquivo Histórico Real Colegiata de Covadonga – Asturias

 


Hemeroteca

Castropol : periódico decenal : defensor de los intereses morales y materiales del partido judicial, Ano III, Número 67 – 20 de maio do 1907.

Diario de avisos de La Coruña, Ano XXI, Número 10291 - 1 de maio do 1892.

El Carbayón diario asturiano de la mañana, Ano X, Número 2112 - 23 de febreiro do 1888.

El Carbayón diario asturiano de la mañana, Ano XI, Número 3441 - 27 de marzo do 1889.

El Carbayón diario asturiano de la mañana, Ano XI, Número 3442 - 28 de marzo do 1889.

El Carbayón diario asturiano de la mañana, Ano XI, Número 3576 - 26 de setembro do 1889.

El Carbayón diario asturiano de la mañana, Ano XI, Número 3587 - 9 de outubro do 1889.

El Correo Gallego, 29 de xaneiro do 1882 – Ferrol

El Correo Gallego: diario político de la mañana, Ano XV, Número 6159 - 30 de marzo do 1892. Ferrol.

El Correo Gallego: diario político de la mañana, Ano XVIII, Número 5004 – 1 de junio de 1895.

El Correo Gallego: diario político de la mañana, Ano XXIX, Número 9475 – 14 de xullo do 1906.

El Correo de Galicia, 1 de agosto do 1912 – Santiago de Compostela.

El Cruzado: semanario tradicionalista, Número 24 – 14 de setembro do 1912.

El Diario de Galicia: periódico católico e independiente, Ano V, Número 1236 – 8 de xuño do 1895.

El Diario de Galicia: periódico católico e independiente, Ano VI, Número 1498, 21 de abril do 1896

El Diario de Galicia: periódico católico e independiente, Ano VI, Número 1707, 27 de decembro do 1896

El Diario de Pontevedra: periódico liberal, Ano XIX, Número 5477 – 3 de setembro do 1902.

El Eco de Galicia: diario de la tarde, Número 1790 - 2 de maio do 1892.

El Eco de Galicia: diario de la tarde, Número 1799 - 12 de maio do 1892.

El Lucense: diario católico de la tarde, Número 3028 – 3 de decembro do 1894

El progreso de Asturias, Ano III, Número 521 – 10 setembro do 1903.

El Progreso de Asturias, Ano III, Número 516, agosto do 1903.

El Regional: diario de Lugo. Número 9533 – 10 de febreiro do 1897.

El Regional: diario de Lugo. Número 6792 – 30 de agosto do 1902.

Galicia recreativa: semanario popular, utile et dulce, Ano II, Número 4 - 22 de xuño do 1892.

La Correspondencia Gallega: diario de Pontevedra, Ano XIV, Número 3786 - 3 de setembro do 1902.

La idea moderna: diario democrático en Lugo, Número 3367 - 8 de marzo do 1902,

La Opinión de Asturias, Ano I, Número 44 - 28 de marzo do 1893. (diario de Oviedo)

La Opinión de Asturias, Ano I, Número 145 - 30 de xullo do 1893.

La Región: diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos. Ano III, Número 789 – 19 de setembro do 1912.

 


Bibliografía

Cal Pardo, Enrique (1996), La música de la catedral de Mondoñedo,  Alvarellos, Lugo.

Cal Pardo, Enrique e Bourligueux, Guy (1982), “Maestros de capilla de la catedral de Mondoñedo”. Estudios Mindonienses, nº 2 Mondoñedo, 1982, pax. 11-82.

Cancela Montes, Alberto (2020), La sociedad coral El Eco: una contribución a la historia del orfeonismo de Galicia (1862-1940). Tese doutoramento. Universidade de Oviedo.

Carballo, Antonio (1917), “La patria de Pascual Veiga”, Labor Gallega, ano 2, n.º 1 (15 xaneiro) paxs. 14-15.

De Cora, Xosé (2002), Pascual Veiga. El Progreso, Lugo.

De Cora, Xosé e Pardo de Neyra, Xulio (1996), Pascual Veiga, Xunta de Galicia, Coruña.

Fraga, Sinesio (1922), “Alborada gallega. Letra F. de la Iglesia, música de Pascual Veiga. Eco de Galicia (La Habana, 1917).-- Ano 7, n.º 176 (1 de outubro); p. 15.

García Doural, Andrés y García González, Moncho (2002), A Música en Mondoñedo, Mondoñedo.

García Negro, Pilar (2017), Himno gallego; una historia parlamentar (inconclusa) Fundación Galiza Sempre, Santiago.

López – Acuña López, Fernando (2003), “Pascual Veiga”, Gran Enciclopedia Gallega Silverio Cañada, El Progreso, Lugo.

Pardo Gómez, Eduardo (1889), “Músicos gallegos. D. Pascual Veiga”. Album Literario, Año 2, n.º 80 (11 agosto), pax. 3

Trapero Pardo, José (1929), “Pascual Veiga”, en José Cao (edit.), Lugo y su provincia, P.P.K.O. Vigo, pax. 139.

Trillo, Joam e Villanueva, Carlos (1993), “El archivo de música de la catedral de Mondoñedo”,  Estudios Mindonienses, nº 10 Mondoñedo.

Varela Lenzcano, Indalecio (1897), Estudio Bigorrafico-crítico de D. José Pacheco, maestro de capilla de la catedral de Mondoñedo. Imprenta Deputación Provincial, Lugo.

Varela Silvari, José (1895) “Pacheco. Estudio biográfico-crítico del celebrado compositor de dicho nombre: maestro de Capilla, que fué de la Catedral de Mondoñedo” en Boletín bibliográfico de la librería gallega: Ano I Número 10 - outubro páxs. 2-5

Vázquez, María de los Ángeles (1907), “Algunos datos Biográficos de Pascual Veiga”. Alborada argentina, Ed. Facsimilar, paxs. 7-8.

Villanueva, Carlos (2007), A. C. Santavalla y P. Veiga, o la construcción de Galicia a partir de una simple "alborada". en Rudesindus : la tierra y el templo: [exposición] Catedral de Mondoñedo 8 de maio-29 de xuño.

Villanueva, Carlos (1983), “Unas oposiciones a organista en la catedral de Mondoñedo (Lugo)Revista de musicología, ISSN 0210-1459, Vol. 6, Nº 1-2, 1983, paxs. 565-570

Villanueva, Carlos (1994), Los Villancicos gallegos. Fundación Barrié, A Coruña.

Villanueva, Carlos (1993), “Do val o meu cabo veño": reminiscencias compostelanas en un villancico de José Pacheco”, en J. López-Calo (coord.), Estudios sobre Historia del Arte: ofrecidos al prof. Dr. D. Ramón Otero Túñez en su 65º cumpleaños. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.

Villanueva, Carlos (1989), Los villancicos gallegos de la catedral de Mondoñedo. Tese de doutoramento, Universidade de Santiago, 1989.

Villanueva, Carlos (1990), “José Pacheco”, en Emilio Casares (dir.) Diccionario de la Música Española e Hispanoamericana, SGAE Madrid.

Comentarios

Entradas populares de este blog

LA CASA SANTOMÉ DE MONDOÑEDO

LOS VEIGA VALENZANO Y ALGUNOS FAMILIARES