ANTICUARÍSMO, COLECCIONISMO OU IMITACIÓN? UN MICROMACHADO PULIMENTADO NO CASTRO DE ZOÑÁN
Resumo: No ano 2005 atopouse no Castro de Zoñán un machado pulimentado que non encaixa coas cronoloxías deste tipo de asentamentos. Imos presentar este obxecto e achegar algo de luz sobre este elemento material fora do seu contexto esperable.
Micromachado pulimentado - Castro de Zoñán (Mondoñedo) - visión 1 |
O Xacemento.
O Castro de Zoñán (ver en google
maps: https://goo.gl/maps/1ddVi9Xk8GB8MYFy5) sitúase a metade de ladeira, na parte oeste do val de
Mondoñedo (Lugo), na parroquia de Os Remedios.
Estamos ante un castro que ten unha superficie estimada
de arredor de 8Ha, das que se teñen escavadas arredor de 900m2 nos
que se documentaron restos estruturais e se recuperaron abondosos restos de
cultura material durante as campañas levadas a cabo por parte do Concello de
Mondoñedo entre os anos 2002 e 2010.
Por último a cronoloxía xeral que se baralla para este
xacemento sería dende os finais do Bronce final ata o século V d. C.,
considerando estas datas como o arco cronolóxico completo entre os primeiros
restos documentados e o final da ocupación deste asentamento.
Restos materiais.
Dentro deste xacementos téñense documentado restos
de cerámicas, lítica e metais de moi diversa índole, mais todos eles, ata o
momento, acordes ás cronoloxías propostas de ocupación.
Estes restos van dende machados de talón e aneis,
produto de achados casuais, que encaixarían cos primeiros momentos de ocupación
do lugar, ata restos de sixilatas do século III d. C. (CERÁMICAS
DE IMPORTACIÓN NO CASTRO DE ZOÑÁN. TERRA SIGILLATA HISPÁNICA (TSH) DAS CAMPAÑAS
2002-2010 (arqueo-mondonedo.blogspot.com) ou cerámicas gris cociña que poderiamos levar ao IV ou V d. C. e, con isto
ao final das cronoloxías de ocupación deste lugar.
Mais dentro de todo este contexto material, no ano
2005, apareceu agochado dentro dun oco na parede dunha das cabanas, un
micromachado pulimentado que respondería a unhas cronoloxías propias do
megalitismo ou do neolítico e non a unhas cronoloxías galaico-romanas, neste
caso.
A peza.
En primeiro lugar debemos presentar a peza para
aportar unha descrición axeitada. Para iso, e dado que se trata dun obxecto de
tipoloxía propia do megalitismo, como indicadmos, seguiremos os parámetros
establecidos por Fábregas Valcarce (Fábregas, 1991) para a clasificación deste
tipo de instrumental.
Micromachado pulimentado - Castro de Zoñán (Mondoñedo) - visión 2 |
Clasificación:
Procedencia: Castro de Zoñán campaña 2005. Interior Vivenda
n.º5.
Material: Lítico. Silimanita – Fibrolita:
Composición: (SiO4)Al2O Aluminosilitaco
de aluminio formado por cadeas de octaedros de aluminio (AlO6)
unidas entre sí por tetraedos de silicio (SiO4) e por tetraedros de
aluminio. Polimorfa de sistema e Andalucita.
Sistema de Cristalización: Rómbico. Preséntase en agregados
finamente fibrosos, algo aplanados e redondeados. Non forma nunca cristais
aillados.
Propiedades Físicas:
Dureza: 6,5 a 7,5
Densidade: 3,2 a 3,3 g/cm3
Exfoliación: perfecta, pinacoidal
Tenacidade: Fráxil.
Propiedades organolépticas: Cor: Gris amarelado, verde agrisado
pálido e pardo claro. Pode ser incolora. / Raia: de cor branca.
Transparencia: de transparente a opaca. / Brillo:
sedoso, nacarado, vítreo ou groso.
Orixe e presencia en rochas: Orixe fundamentalmente metamórfica.
Presencia accidental en rochas metamórficas.
Medidas: 5cm (dende o talón ao fío) x 4cm (na parte máis
ancha da peza)
Para a análise formal empregaremos os parámetros
da “Tipometría y descripción de los
útiles pulimentados de corte” (Fábregas, 1991.), que se basea en 12 puntos.
Forma xeral: Triangular.
Caras: Convexa.
Lados: Lineal.
Aresta: Converxentes – Curvas.
Fío: Convexo – simétrico.
Zona activa: Gubia (“Keux”).
Talón: Vista Frontal: redondeado / Vista Lateral:
apuntado.
Sección Lateral: Biconvexa.
Accesorios: Non posúe.
Conservación: Peza completa.
Desgaste: Presenta unha zona onde saltou parte,
tanto no fío como no talón.
Acabado: Pulido integral, en todas as partes da
peza.
O contexto arqueolóxico no que se localiza esta peza.
A peza atopouse no interior da cabana identificada
como “Vivenda n.º5”, nun oco da parede sur, un espazo no que faltaba unha pedra
da mesma, de forma intencionada, como parece, e que servía de lugar agachar
cousas.
Esta cabana é alongada, con dúas estancias ás que
se accede por dúas portas distintas localizadas na parede oeste. As estancias
están separadas por muro interior que chegaría ao tellado.
Castro de Zoñán (Mondoñedo) - Vivenda n.º5 - visión dende o noroeste. Imaxe tras a consolidación da estrutura |
É unha estrutura que ten acaroada outra polo leste, unha cociña, e que presenta ocos nas paredes atribuíbles a fiestras.
Todo o conxunto estaría cuberto por un tellado
vexetal con algún elemento pétreo para fixar a cuberta, xunto con arxilas
nalgunha zona e, con iso, evitar que se levantase o mesmo por inclemencias
climatolóxicas.
Os restos recuperados no lugar, a tipoloxía da
propia estrutura e a estratigrafía que derivou da escavación desta zona,
conclúen que estamos ante unha fase galaico-romana que se podería encaixar
entre o século II e V d. C. de modo xenérico.
Conclusións.
Con este contexto arqueolóxico tan claro, e visto
que durante a escavación se constatou que non había alteracións
postdeposicionais, isto é, que non se alterara a zona con escavacións
posteriores ao colapso da vivenda, unha peza deste tipo no encaixa dentro do
conxunto.
Estamos ante unha tipoloxía de peza moi abondosa
no neolítico e/ou no megalitismo, pero non nestes contextos máis recentes. Para
que a cousa quede clara, temos unha diacronía de aproximadamente 3000 anos,
isto é, estas pezas son típicas, de forma xenérica, entre o 4.000 a. C. e o
2.000 a. C. e o contexto arqueolóxico dinos que estamos nunha cronoloxía, por
poñer un termo medio, do 200 - 400 d. C.
Ante isto hai que tentar darlle unha explicación.
Que fai unha peza deste tipo nun tempo totalmente alleo á mesma?
Unha das hipóteses podería ser que se tivera
realizado neste momento, galaico-romano, mantendo unha tradición de talla,
pulimento e uso de elementos líticos, mais non parece moi probable que sexa esta
primeira opción dado que é o único elemento atopado deste tipo en toda área e
si fora algo xeneralizado de ferramenta de uso, sería plausible ter atopados
máis exemplos, aínda que foran anacos e non pezas completas.
Por outra banda, de ter sido un elemento actual
non tería moito sentido telo agochado, e por último, o feito de encaixar tan
ben nos modelos de clasificación dos machados de tipoloxía neolítica non parece
que sexa un indicador da súa modernidade senón todo o contrario.
A segunda hipótese lévanos ao anicuarismo ou ao
coleccionismo, un fenómeno que se da na sociedade dende tempos moi antigos. De
feito na etapa que coñecemos con Historia Antiga, está documentado este gusto
polas antigüidades no mundo romano (Acuña, 2002) e a fase histórica do castro,
na que estamos atopando este obxecto, habería que encaixala aí, nese momento.
Esta segundo hipótese sería a que se considera
máis probable no momento actual da investigación, por varias razóns.
A primeira é que en Mondoñedo, na zona alta, nos
vales de montaña que están relativamente próximos ao castro, están documentados
restos megalíticos, mámoas neste caso, que encaixarían nas cronoloxías
propostas para este tipo de pezas.
Unha segunda hipótese refire ás propias sociedades
galaico-romanas deste momento. Estamos ante unha sociedade rural cunha economía
baseada, fundamentalmente, na agricultura e na gandería que implica pastoreo e
esas zonas altas das que falamos no parágrafo anterior son lugares axeitados
para determinadas épocas do ano, a parte que as xentes coñecían o medio no que
se movían e esas zonas citadas, eran, con seguridade, zonas de mobilidade
destes grupos humanos.
Outra das razóns é, que a pesar de estar na
periferia do Imperio, estaba zona xeográfica conectada con el. Documéntase
moeda e comercio, importacións e pezas do gusto que poderiamos calificar de
romano e lingua latina. Nesta mesma construción tense documentado un amplo
graffiti en latín.
Segundo están ao día en todo o resto, por que non
van a desenrolar tamén a tendencia ao coleccionismo de obxectos antigos ou
raros para estas xentes? É algo perfectamente factible. Son unha sociedade
integrada e a elite local estará, todo o que poda, ao día das tendencias
sociais das clases dirixentes das cidades.
E, por último, a propia peza pode que nos estea
marcando a liña da súa interpretación. Este obxecto, de tipoloxía propia do
Neolítico, que encaixa tan ben dentro dos estándares propios desa época parece
tender a ser auténtico e non unha peza de fabricación “moderna” por
continuidade no traballo da pedra, ou por imitación galaico-romana, senón unha
peza orixinal fóra de contexto.
Bibliografía.
Acuña Castroviejo, F (2002), Arredor da Arqueoloxía:
Discurso Inaugural lido na solemne apertura do curso académico 2002-2003,
Universidade de Santiago de Compostela.
Fábregas Valcarce, R.
(1991), Megalitismo del Noroeste de
la Península Ibérica. Tipología secuencia de los materiales líticos, paxs 42-111, UNED, Madrid.
Comentarios
Publicar un comentario